domingo, 10 de julio de 2022

3ª COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM, O ROSAL: 10/07/2022

Este domingo nas augas do río Tamuxe, no concello do Rosal, celebrouse a 3ª Copa Galega de Promoción de Slálom. Os máis pequenos do slálom galego fixeron unha demostración das súas habilidades neste evento. 
O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu con nove piragüistas que competiron, gozaron e fixeron amigos.
 Rita Oliveira resultou cuarta en K1 muller benxamín. En k1 muller alevín, Nerea Álvarez conseguiu o bronce e Leila Álvarez foi sexta. En k1 home pre-benxamín houbo podio dobre, Roque Oliveira foi segundo e Nico Piñeiro terceiro. En k1 home benxamín medalla de prata para Lois Montenegro, na mesma categoría, Tiago Rey foi cuarto e Martín Vicente sexto. En k1 home alevín Iván Cruz rematou oitavo. Catro medallas por tanto para os teixugos nesta 3ª Copa Galega.
Na clasificación final por equipos, o club gañador foi o Tea de Mondariz e o Deportivo Miño rematou cuarto.







lunes, 27 de junio de 2022

COPA DO MUNDO LJUBLJANA-TACEN: 24 a 26/06/2022

 

Do 24 ao 26 de xuño disputouse en Tacen, Eslovenia unha nova Copa do Mundo de Slálom, a que acudiron os  deportistas do Club Deportivo Miño-Teixugos, Luís Fernández e Manuel Ochoa, como parte do equipo nacional español.

Luís Fernández participou na modalidade de canoa ou C1, na que se rema de xeonllos e cunha pa dunha soa folla. Na tarde do venres, xunto con outros 53 deportistas de todo o mundo, disputou as fases clasificatorias, onde fixo unha baixada impresionante, rápida e sen fallos, conseguindo o pase a semifinais co décimo quinto lugar. No domingo, disputáronse as semifinais, onde nunha única baixada tes que acadar un dos mellores dez tempos para acceder as finais. Luís fixo unha baixada correcta pero algo lenta e con dous toques en portas, rematando lonxe das finais, en vixésimo quinto lugar.

Manuel Ochoa participou en K1, na que se rema sentado e cunha pa de dúas follas. A súa participación foi dobre, en slálom normal e en slálom extremo. Na mañá do venres disputáronse as clasificatorias de slálom, no primeiro intento fixo unha baixada moi rápida, pero dous toques nas portas deixárono fóra dos postos de semifinais, posto que acadou no segundo intento. Nas semifinais disputadas o sábado a súa baixada non foi mala, pero algo lenta, quedando lonxe de finais. Rematou trixésimo dun total de 65 participantes. Ese mesmo sábado de tarde, tivo lugar a contra reloxo de slálom extremo, para acadar un praza para clasificatorias, onde fixo unha mala baixada, cunha falta nunha das portas, quedando por primeira vez no que vai de tempada fóra.

Tanto Luís como Manuel terán agora unhas semanas sen competicións, que aproveitarán  para descansar e adestrar. A próxima cita será a 3ª Copa de España a celebrar en Sort o 16 e 17 de xullo.



domingo, 19 de junio de 2022

COPA DO MUNDO, CRACOVIA: 17 a 19/06/2022

Do 17 ao 19 de xuño disputouse na cidade polaca de Cracovia unha Copa do Mundo de Slálom. Como parte do equipo nacional, os deportistas do Club Deportivo Miño-Teixugos, Luís Fernández e Manuel Ochoa participaron no evento. 
O salcedán Luís Fernández foi un dos tres representantes españois en canoa ou C1. O venres pola tarde, loitou por acadar un posto nas semifinais, non o conseguiu a primeira, pero si na repesca. Na mañá do domingo fixo unha baixada en semifinais moi boa, pero dous toques nas portas 19 e 20 deixárono ás portas de acadar a final. Rematou a copa do mundo nun meritorio décimo sexto lugar. 
O tomiñés Manuel Ochoa tivo dobre participación en caiac, na modalidade tradicional de K1 e en extremo. Na mañá do venres, en K1, foi quen de meterse nas semifinais na primeira rolda. Ao día seguinte intentou acadar unha das dez prazas de finais, comezando a baixada con moi bo pé, pero un erro nunha das portas e un toque noutra, fixo que perdera uns segundos , quedando lonxe das finais. Rematou a copa na trixésimo cuarta posición. Ese mesmo sábado pola tarde participou na contra-reloxo para poder estar entre os 32 seleccionados para cuartos de final. Conseguiu o sétimo posto, a apenas segundo e medio do primeiro. Na tarde do domingo superou os cuartos de final gañando a súa serie pero non as semifinais. Rematou a copa de slálom extremo décimo terceiro. 
 Tanto Luís como Manu xa están de camiño de Tacen, Eslovenia, onde disputarán a seguinte Copa do Mundo.


lunes, 6 de junio de 2022

2022 ICF CANOE SLALOM WORLD RANKING, AUGSBURG: 4-5/06/2022

Na fin de semana do 4 e 5 de xuño, celebrouse na localidade xermana de Augsburgo unha competición de carácter internacional na que se deu cita a elite do slálom mundial, pois é puntuable para o ranking do mundo de slálom e serviu, ademais, a modo de adestramento, pois os mundiais terán lugar nesta mesma canle a finais de xullo. A selección española acudiu ao completo. 
 Nela estiveron os teixugos Luís Fernández en C1 e Manu Ochoa en K1 e Slálom extremo, como parte desa selección española. 
Luís en C1 tivo unha participación con moi pouca fortuna, pois nos dous intentos de entrar en semifinais, tivo unha penalización de 50 segundos que o deixaron fóra, rematando a competición en cuadraxésimo noveno lugar. 
Sorte parecida correu Manuel en K1, no seu primeiro intento unha penalización de 50 segundos deixárono lonxe de semifinais, na segunda tentativa fixo unha baixada sen fallos, pero demasiado lenta para acadar unha das dez prazas en xogo. Rematou en cuadraxésimo quinto lugar. 
Manuel participou ademais na nova modalidade de slálom extremo. Nas contra reloxos fixo o quinto mellor tempo conseguindo pasar sen problema o filtro para as clasificatorias, pero non tivo tanta sorte na seguinte ronda, quedando fóra de semifinais. Rematou décimo oitavo. 
 Máis sorte tivo a outra galega presente no evento, Ainhoa Lameiro, do Piragüismo Penedo de Tui, conseguiu meterse nas finais de C1, e a piques estivo de subir ao podio ao rematar cuarta. 



domingo, 29 de mayo de 2022

2ª COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM, A FREIXA: 29/05/2022

Este domingo celebrouse na praia da Freixa, en Ponteareas a 2ª Copa Galega de Promoción de slálom. Acudiron ao evento, organizado polo Club Tea, oitenta deportistas das categorías infantil, alevín, benxamín e pre-benxamín. Estas competicións fanse coa fin de promocionar este deporte entre os máis pequenos e consta de dúas baixadas polo circuito, téndose en conta a mellor de cada para a clasificación final. 
 O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu cun total de 12 piragüistas. 
En K1 muller benxamín Rita Oliveira foi terceira, levándose unha medalla de bronce. En K1 muller alevín Nerea Álvarez conseguiu a prata e Leila Álvarez foi quinta. En K1 home pre-benxamín Roque Oliveira foi segundo e Nicolás Piñeiro terceiro, prata e bronce respectivamente. En K1 home benxamín Lois Montenegro foi cuarto, Tiago Rey quinto e Martín Vicente, décimo. En K1 home alevín Iván Cruz foi octavo, Leo Álvarez noveno e Alejandro Barreiro undécimo. En K1 home infantil Pedro Lomba foi sexto. 

Na clasificación final por equipos o gañador foi o Tea de Mondariz, seguido do Quixós de Monforte e en terceiro lugar subiu ao podio o Deportivo Miño-Teixugos. 
 Bo balance para os teixugos co terceiro lugar por equipos e catro medallas, aínda que o que máis importa nestas competicións é o fomento do deporte e a convivencia entre os máis novos.






CAMPIONATO DE EUROPA, LIPTOVSKY MIKULAS(ESLOVAQUIA): 26 A 29/05/2022

Do 26 ao 29 de maio celebrouse en Liptovsky Mikulas (Eslovaquia) o Campionato de Europa de Slálom. España acudiu co seu equipo nacional, do que por primeira vez na historia formaron parte tres galegos, os teixugos Luís Fernández e Manuel Ochoa, e Ainhoa Lameiro do Piragüismo Penedo. 
Os trazados deste campionato foron longos e complicados, ningún dos participantes baixou do minuto e medio, o vento case permanente tampouco axudou, e moitas das grandes figuras do slálom quedaron fóra de semifinais e finais. 
Luís Fernández comezou a súa participación na mañá do venres buscando unha das vinte prazas para semifinais, no primeiro intento fixo unha boa baixada pero tres toques que lle penalizaron seis segundos, deixárono fóra. Na respesca mellorou a baixada anterior, pero non foi suficiente para entrar nas semifinais. Rematou o europeo en vixésimo quinto lugar. No mesmo venres pola tarde, xunto con Miquel Travé e Ander Elosegui, participou na modalidade por equipos de C1, onde fixeron o terceiro mellor percorrido que os levou ao podio onde se colgaron a medalla de bronce. 
Manuel Ochoa comezou a súa primeira competición internacional co equipo sénior K1 na mañá do xoves intentando acadar unha praza nas semifinais. No primeiro intento tivo varios fallos que o deixaron lonxe dos postos de clasificación, non así na repesca, que, cunha boa baixada, conseguiu facerse cunha praza. Nas semifinais celebradas o sábado, Manuel saíu a por todas, pero na porta dúas fóiselle a embarcación e tivo que remontar perdendo varios segundos que o deixaron fóra da final, rematando este europeo no vixésimo sétimo lugar. Pola tarde participou na modalidade de equipos ou patrullas, na que baixou o circuíto cos outros dous integrantes do equipo de K1, Joan Crespo e Miquel Travé. Fixeron unha boa baixada, en 101,16 segundos, pero tres toques nas portas relegáronos ao sétimo lugar, lonxe do podio. 
 Manuel Ochoa tamén formou parte do equipo da nova modalidade olímpica de caiac extremo. Comezou a súa competición na tarde do sábado cunha contra reloxo na que entraban os dezaseis mellores tempos. Fixo unha baixada rápida, sen arriscar para evitar penalizacións, que nesta modalidade te deixan fóra automaticamente, rematando décimo cuarto e meténdose en cuartos de final. En cuartos de final, nunha brillante actuación, deixou atrás aos seus contrincantes, meténdose en semifinais, onde xa non tivo tanta sorte, e quedou fóra de finais. Rematou o evento en octavo lugar. 
Destacar tamén a actuación de Ainhoa Lameiro, do Piragüismo Penedo de Tui, que chegou a finais en C1 feminino, onde fixo unha impresionante baixada, rematando sétima no europeo. 
A vindeira semana, Luís e Manu, xunto ao resto do equipo nacional participarán na “2022 ICF Canoe Slálom Ranking Race” a celebrar sábado e domingo na cidade alemá de Augsburgo, unha competición internacional aberta puntuable para o ranking mundial de slálom.






domingo, 8 de mayo de 2022

SELECTIVOS NACIONAIS/COPA PIRINEUS: 01/04/2022 a 08/05/2022

 

Do 30 de abril ao 8 de maio celebráronse os selectivos de slálom para determinar os integrantes dos equipos nacionais sénior, sub-23 e júnior. Este ano a Federación Española de Piragüismo decidiu aproveitar a Pyrenees International Cup ou Copa Pirineus para facer os selectivos. 
A copa Pirineus é unha competición internacional oficiosa, pero puntuable para o ranking mundial de slálom, que se celebra entre dúas sedes: o Parc Olímpic del Segre na Seu d'Urgell (España) o sábado 30 de abril e domingo 1 de maio, e o Parc Aquasports en Pau (Francia) o 8 e 9 de maio. 
Aínda que a participación nesta competición é libre e aberta, só uns poucos padexeiros, previamente seleccionados nas dúas Copas de España, entraban dentro dos selectivos nacionais. O Club Deportivo Miño logrou meter a tres dos seus deportistas: Alba Soutelo que loitaba por unha praza en C1 júnior, Luís Fernández que buscaba praza en C1 sénior e Manuel Ochoa en K1 sénior. Para os selectivos nacionais tivéronse en conta a suma de catro resultados: as clasificatorias do sábado e o resultado final do domingo na Seu, e as clasificatorias do sábado e o resultado final en Pau, eliminándose o peor dos resultados de cada atleta e sumándose os outros tres. 


Manuel Ochoa tivo unha participación brillante. Buscaba unha das dúas prazas en K1 home, pois a terceira xa estaba concedida, por resultados, a Joan Crespo. Nas clasificatorias do sábado en Seu rematou segundo, no domingo a piques estivo de quedar fóra das finais por unha penalización, pero unha reclamación interposta polo técnico da Federación Galega, Manuel Freiría, metérono no último momento na final, onde nunha baixada rapidísima se puxo por diante de todos. En Pau nas clasificatorias foi oitavo na xeral, pero primeiro dos españois, e o domingo entrou nas finais e rematou en sétimo posto e primeiro dos españois. Sumados os puntos dos catro días, Manuel conseguiu a praza para o equipo nacional coa mellor puntuación de tódolos aspirantes. Esta é a primeira vez que un galego consigue entra a formar parte do equipo nacional na modalidade de K1.


 Luís Fernández optaba a unha das tres prazas en C1 sénior. Na Seu D´Urgell rematou as clasificatorias quinto, cuarto dos españois; e o domingo nas finais foi cuarto, terceiro español. Na seguinte ronda, en Pau, Luís estivo impresionante. Nas clasificatorias do sábado foi o mellor español, rematando terceiro; e, no domingo, tamén foi o primeiro dos españois cun quinto lugar. Unha vez eliminado o seu peor resultado, a suma final méteno no equipo nacional, tamén coa mellor puntuación. 



Alba Soutelo, buscaba praza no equipo júnior en C1. Na Seu acadou un oitavo posto o sábado, o domingo, nas finais foi décima. En Pau, nas clasificatorias foi décimo oitava e no domingo non acadou finais, rematando décimo quinta. Con estes resultados nos que tamén entraban as participantes sénior e sub-23, Alba non acadou posto no equipo nacional, pero por moi pouco, xa que buscaba unha praza júnior.
O podio da Copa Pirineus é resultado da suma dos postos finais obtidos en Seu e en Pau, entrando só os deportistas participantes nas dúas competicións. Manuel Ochoa foi o gañador desta edición en K1 home e Luís foi bronce en C1. 



Destacar que estes selectivos nacionais de slálom son históricos para o piragüismo galego, pois ademais de Manu e Luís, Ainhoa Lameiro, a canoísta do Piragüismo Penedo de Tui, acadou posto no equipo nacional C1 sénior e C1 sub-23, e tamén coa mellor puntuación. O seu compañeiro de equipo, Daniel Pérez entrou en C1 sub-23 e a piques estivo de facelo en sénior.Tamén participaron Mario Otero do Tea Mondariz que buscaba un posto en K1 sub-23 e Borja González en C1 sub-23, quedando fóra por moi pouco.