domingo, 13 de abril de 2014

2ª COMPETICIÓN DA LIGA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM-GONDOMAR 2014

Este domingo celebrouse en Gondomar a segunda competición correspondente a Liga Galega de Promoción de slálom, na que participaron sete equipos galegos e un portugués nas categorías Benxamín, Alevín e Infantil, con máis de cincuenta deportistas. A competición constou de dúas mangas, contando para os postos a mellor das dúas. Os pequenos padeeiros do Club Deportivo Miño lograron facerse cun total de cinco medallas. Tres de ouro: para Ainhoa Barreiro en K1 Muller Benxamín, Ariadna Pereira en K1 Muller Alevín e Sergio Martínez en K1 Home Benxamín; e dúas de prata: para Samuel Castro en K1 Home Benxamín e Alba Soutelo en K1 Muller Benxamín. Na clasificación final por equipos o Club Deportivo Miño-Teixugos obtivo a primeira posición, seguidos polo Piragüismo Dumbría e no terceiro posto quedou o C.P. Penedo de Caldelas.

domingo, 6 de abril de 2014

COPA DE ESPAÑA 2014-MONDARIZ

Esta fin de semana celebrouse en no concello Mondariz Balneario a 2ª competición da Copa de España de Slálom. O sábado tiveron lugar as clasificatorias con máis de douscentos participantes. Déronse clasificado para as semifinais do domingo Guillermo Martínez e Nicolás Ruedas en K1 Home sénior, Manuel Ochoa en K1 Home Cadete, Brais Castro en C1 e K1 Home Cadete, Andrea González en K1 Muller Júnior e Sara Vázquez en K1 e C1 Muller Júnior. As nove da mañá do domingo comezaron as semifinais, cun altísimo nivel en tódalas categorías. A pesar da dificultade entraron nas finais os catro palistas do Club Deportivo Miño que nestes momentos están becados no Centro Galego de Tecnificación Deportiva: Andrea, Sara, Brais e Manuel. Xa na final Brais Castro fíxose coa segunda posición, e polo tanto coa medalla de prata, en C1 Home Cadete e Manuel Ochoa foi bronce nunha apertadisima final de K1 Home Cadete. Destacar o mérito dos palistas galegos que non contan con ningunha canle apropiada para adertrar, cousa da que si dispoñen vascos e cataláns.

domingo, 23 de marzo de 2014

2ª COMPETICIÓN LIGA GALEGA DE SLÁLOM-MONDARIZ

Ao longo da mañá do domingo 23 de marzo tivo lugar en Mondariz Balneario a segunda competición da Liga Galega de Slálom. O Club Deportivo Miño inscribiu a dez piragüistas, dos cales cinco participaron nas categorías de kaiak e canoa, acudindo por tanto os Teixugos con quince participacións neste campionato. Acadáronse cinco medallas de ouro: Brais Castro en C1 cadete, Manuel Ochoa en K1 cadete, Clara González en C1 cadete, Sara Vázquez en K1 Júnior e Guillermo Martínez en K1 sénior; tres de prata: Brais Castro en K1 cadete, Andrea González en K1 júnior e Laura Alonso en C1 sénior; e finalmente tres de bronce: Laura Soutelo en K1 cadete, Manuel Ochoa en C1 cadete e Laura Alonso en K1 júnior. Na clasificación final por equipos o Club Deportivo Miño quedou primeiro con 247 puntos, en segundo lugar que dou o Club Tea de Mondariz con 155 puntos e en terceiro lugar o Piragüismo Penedo con 97 puntos. A vindeira cita será os días 5 e 6 de abril en Padrón onde se celebrará a 2ª Competición da Copa de España.

domingo, 23 de febrero de 2014

OS TEIXUGOS GAÑADORES DA COPA DAVID CASTRO DE SLÁLOM

Este domingo tivo lugar no río da Pedra a Copa de Slálom David Castro, primeira das competicións da XII Liga de Promoción de Slálom. Tiveron os pequenos piragüistas unha mañá espléndida e un río en boas condicións no que demostrar as súas aptitudes. Participaron un total de oito equipos, seis galegos e dous portugueses. Rematada a competición o medalleiro dos máis novos do Club Deportivo Miño-Teixugos quedou como sigue: Ainhoa Barreiro ouro en K1 muller Benxamín, prata para Alba Soutelo na mesma categoría, ouro para Ariadna Pereira en K1 muller Alevín, Víctor Rodríguez bronce en C1 home Infantil e prata en K1 home Infantil, Samuel Castro ouro en K1 home Benxamín e prata para Sergio Martínez na mesma categoría. Na clasificación final por Clubs os Teixugos quedaron primeiros con 163 puntos, seguidos polo C. P, Penedo con 146 e en terceiro lugar o Club Tea con 124 puntos.

domingo, 26 de enero de 2014

V TAÇA IBÉRICA DE SLÁLOM

Este domingo comezou oficialmente a tempada 2014 de Slálom Olímpico na localidade lusa de Covas en Vilanova de Cerveira coa V Taça Ibérica de Slálom. Esta competición xa é habitual no calendario cada mes de xaneiro, sendo este ano organizada por Federação Portuguesa de Canoagem, Darque Kayak Clube e Club Deportivo Miño-Teixugos. Os Teixugos acadaron seis medallas de ouro: dúas para Clara González en C1 e K1cadete e para Brais Castro en C1 e K1 cadete, unha para Andrea González en K1 júnior e outra para Víctor Rodríguez en K1 infantil; dúas de prata para Sara Vázquez en C1 e K1 sénior e unha de bronce para Claudia Otero en K1 júnior. Na clasificación final por equipos quedou en primeiro lugar o Aguas Bravas Clube de Amarante, seguido do Club Deportivo Miño-Teixugos e en terceiro lugar o Club Tea de Mondariz.

domingo, 29 de diciembre de 2013

CONCENTRACIÓN AMISTOSA DE SLÁLOM OLÍMPICO EN COVAS

Este domingo celebrouse en Covas, Vilanova de Cerveira, unha competición amistosa e non oficial de Slálom Olímpico nun tramo tranquilo do río Coura. Estiveron o Club Tea Mondariz, o Darque Kayak Clube de Viana do Castelo e o Club Deportivo Miño-Teixugos. Foi unha xornada de preparación para a tempada 2014, na que participaron deportistas de tódalas idades e categorías. Comezaron os máis pequenos, benxamíns, alevíns e infantís, facendo un circuíto de slálom. Despois as categorías cadete, júnior e sénior fixeron unha competición de “circuítos paralelos” na que o menos importante foron os resultados. Foi un día de confraternización na que reinou un ambiente de alegría no que incluso o tempo axudou. A tempada oficial 2014 comezará o 26 de xaneiro, neste mesmo lugar, no río Coura, en Covas, pero desta vez no tramo de augas bravas, coa V Troféu Ibérico de Slálom que estará organizado polo Darque e os Teixugos.