domingo, 21 de noviembre de 2021
COPA SEGRE, SEU D´URGELL, PONTS: 20-21/11/2021
domingo, 26 de septiembre de 2021
CAMPIONATO GALEGO DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM, MONDARIZ: 26/09/2021
CAMPIONATO DO MUNDO, BRATISLAVA: 22 A 26/09/2021
domingo, 12 de septiembre de 2021
COPA DO MUNDO, PAU: 10 a 12/09/2021
Desde o 10 ao 12 de setembro tivo lugar na canle de augas bravas da localidade francesa de Pau a última das Copas do Mundo de Slálom. España acudiu a cita cos doce deportistas que conforman o seu equipo nacional. Entre os convocados, Luís Fernández do Club Deportivo Miño-Teixugos, único galego que superou os selectivos sénior.
Pouca fortuna nesta ocasión para o teixugo, que non deu superado as clasificatorias. No venres, Luís loitou por acadar uns dos postos nas semifinais. A súa primeira baixada foi rápida, pero con demasiados toques nas portas, que lle supuxeron 8 segundos de penalización, quedando fóra. No seu segundo intento, no que entraban os dez primeiros, o trazado non foi tan rápido como o primeiro, pero suficiente para entrar, de non ser por un toque nunha porta, que o deixaron en undécimo lugar, a un posto de entrar en semifinais.
Do 22 ao 27 de setembro, Luís Fernández, terá a súa última cita da tempada na máis importante das competicións internacionais, o Campionato do Mundo de Slálom, no que se medirá cos mellores canoístas do planeta.
domingo, 5 de septiembre de 2021
COPA DO MUNDO DE SLÁLOM, LA SEU D´URGELL: 3 ó 5/09/2021
Do 3 ao 5 de setembro celebrouse na Seu D´Urgell a Copa do Mundo de Slálom. O único galego que formaba parte da selección española foi o canoísta Luís Fernández. Luís, de Salceda de Caselas, forma parte dende fai anos do Club Deportivo Miño-Teixugos.
Luís comezou a súa competición o venres coas clasificatorias. Na primeira manga, dúas penalizacións que sumaron catro segundos ao seu tempo, deixárono fóra de semifinais. Na segunda manga, si conseguiu unha praza nas semifinais, cun impresionante segundo mellor tempo.
O domingo , os trinta deportistas que chegaron a semifinais intentaron acadar un dos dez primeiros lugares para entrar nas finais. Un reto complicado que o teixugo superou con nota, nunha baixada rápida e sen penalizacións, que lle valeu o quinto posto e un lugar nas finais.
Na final Luís fixo unha boa baixada, rápida e correcta, rematando finalmente en sétimo lugar desta Copa do Mundo. Un gran posto que o coloca entre os mellores canoístas do mundo.
Á próxima semana Luís acudirá a unha nova Copa do Mundo na localidade francesa de Pau, e a finais de mes ao Campionato do Mundo a celebrar en Bratislava.
Foto de Norbert Aguilera.
Baixada de finais:
domingo, 29 de agosto de 2021
CAMPIONATO DE ESPAÑA "JÓVENES PROMESAS", SABERO:28 e 29/08/2021
Esta fin de semana celebrouse en Sabero, León, o Campionato de España “Jóvenes Promesas” de Slálom, no que só participan deportistas das categorías cadete e infantil. No sábado tiveron lugar as clasificatorias, dúas mangas, das que se colle a que teña mellor tempo. O domingo foron as finais, os dez primeiros deportistas de cada categoría pasaron a disputar a final A, e os restantes a final B, pois a función principal de esta Liga e potenciar e promocionar o slálom entre os máis novos.
O Club Deportivo Miño-Teixugos, acudiu con tan so tres deportistas, os tres de categoría cadete masculino.
Adrián Lluch participou en C1 e K1. En C1 na primeira clasificatoria rematou décimo sétimo e na segunda décimo sexto, pasando, por tanto, á final B onde foi sétimo. En K1, categoría moito máis numerosa, rematou vixésimo quinto nas dúas mangas, e na final B, remontou uns postos e acabou décimo terceiro.
Mateo Rivas participou en K1, na primeira manga ocupou o vixésimo lugar e na segunda o décimo noveno. Na final B do domingo foi décimo.
Antón Fernández, tamén en K1, nas mangas clasificatorias rematou trixésimo terceiro e trixésimo oitavo. Na final B rematou décimo quinto.
Un bo papel o feito polos deportistas do Deportivo Miño, pois aínda son
cadetes de primeiro ano, e un ano no slálom supón moita diferenza.
Tamén se celebrou o campionato por federacións autonómicas de patrullas. Os Teixugos fixeron unha única patrulla en k1 cadete. Mateo, Adrián e Antón remataron en décimo lugar.
Resaltar que na clasificación final por equipos a federación galega ocupou o terceiro lugar, por detrás das federacións vasca e catalá.
domingo, 22 de agosto de 2021
CAMPIONATO DE EUROPA JÚNIOR E SUB-23, SOLKAN, ESLOVENIA: 19 a 22/08/2021
Esta semana celebrouse en Solkan, Eslovenia, o Campionato Europeo de Slálom Júnior e Sub-23. Os mellores deportistas europeos de cada categoría déronse cita nas augas do río Soca. Desde o xoves 19 ata o domingo 22 tiveron lugar as diferentes competicións: canoa ou C1, cáiac ou K1, de maneira individual e por equipos e slálom extremo ou boater cross.
Dous representantes do Club Deportivo Miño-Teixugos superaron os selectivos e acadaron unha praza para este evento, Manuel Ochoa, en K1 sub23 e extremo, formando parte do equipo español e Alexis Segadaes, en K1 júnior, como integrante do equipo portugués. Os dous teixugos comezaron a súa competición o xoves 19 coas clasificatorias de K1.
Alexis, único representante júnior da federación portuguesa, na súa primeira experiencia internacional, fixo unha primeira baixada correcta, pero moi lenta, en 141,3 segundos, que o deixaron lonxe de clasificarse para semifinais, na segunda baixada, cunha penalización de 50 segundos tampouco tivo opción de entrar.
Manuel Ochoa, no seu primeiro intento, cun tempo de 102,18 segundos, quedou fóra de semifinais a só un segundo de conseguilo. Na segunda baixada, moito máis rápida, en 98,81 segundos, foi quen de meterse. O sábado intentou buscar un lugar nas finais, as que pasan os dez mellores. Fixo un bo circuíto, 95,80 segundos, pero un toque na porta 19, con dous segundos de penalización, deixárono fóra de finais, rematando finalmente no vixésimo lugar.
O venres tivo lugar a competición por equipos, Manu, xunto con Pau Etxaniz e Miquel Travé, conformaron o equipo español de K1 sub-23. Nesta modalidade faise final directa, nela os tres integrantes deben facer o circuíto e entrar na meta xuntos. Os tres baixaron absolutamente compenetrados, rapidísimos e sen fallos, e cun tempo de 105,86 segundos, remataron terceiros por detrás de Francia e Italia. Medalla de bronce para os tres, nun podio moi axustado, xa que a diferencia de tempos entre franceses, italianos e españois foi de menos de un segundo.
Neste Campionato Europeo celebrouse por primeira vez de forma oficial o Campionato de Europa de caiac extremo, tamén chamado boater cross. Esta é unha nova e espectacular modalidade de slálom que se estreará como categoría olímpica en París 2024. Catro piragüistas, saltan dende unha rampla ao mesmo tempo, e enfróntanse nunha carreira moi rápida, nun circuíto no que deben pasar varias portas e un esquimotaxe, os dous primeiros en pasar a meta clasifícanse para a seguinte fase e os dous últimos quedan eliminados.
Nesta modalidade, na que se baixa de catro en catro, so poden entrar 16 atletas na competición, para facer a selección dos 16 mellores, na tarde do venres baixaron o circuíto de maneira individual, clasificándose os 16 máis rápidos. Manuel conseguiu entrar co segundo mellor tempo. Durante a tardiña do sábado celebrouse a competición propiamente dita, Manuel foi eliminando contrincantes, superando cuartos de finais e semifinais. Nas finais entrou en terceiro lugar , o que lle valeu a súa segunda medalla de bronce neste campionato. Impresionante palmarés para o tomiñés, que volve de Eslovenia con dúas medallas de bronce no Campionato Europeo.
Neste europeo outros tres deportistas galegos, os tres do Piragüismo Penedo, acompañaron a Manuel na selección española. Borja González en extremo, que se quedou nas clasificatorias; Daniel Pérez en C1 que acadou finais e rematou noveno en individual e sexto por equipos e Ainhoa Lameiro en C1 que rematou vixésimo cuarta en individual e acadou a medalla de prata por equipos. Grandes resultados para o slálom galego, e moito mérito para os nosos representantes, que se atopan todos adestrando na canle da Seu D´Urgell, a máis de mil quilómetros dos seus fogares, ao non contar Galicia cunha canle de augas bravas.
Final por equipos
Final en boater cross
















