domingo, 25 de febrero de 2024

TRES MEDALLAS PARA OS TEIXUGOS 1ª COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM EN MONDARIZ

     Esta fin de semana deu inicio a Liga Española de slálom coa celebración da 1ª Copa de España nas augas do río Tea ao seu paso por Mondariz Balneario. A competición organizada polo club Tea e a Federación Galega de Piragüismo contou coa participación de case trescentos deportistas das categorías veterano, sénior e júnior. As Copas de España, segundo a normativa publicada, constan de dúas competicións diferenciadas, coas súas semifinais e finais, unha sábado e outra domingo. A causa do mal tempo e a subida do caudal do Tea, a competición do domingo foi suspendida, quedando so os resultados do sábado. 

    O club Deportivo Miño-Teixugos acudiu con cinco deportistas que tiveron unha actuación moi destacada. 

    En k1 veterano, Emilio Rodríguez, pasou a final onde, nunha gran baixada sen penalizacións, rematou segundo a menos dun segundo do primeiro clasificado, o catalá Pau Clotet. 

    En k1 sénior, Laura Alonso, tamén fixo u bo circuíto, pero non lle chegou para estar entre as dez primeiras e pasar a finais, rematando décimo segunda. 

    En C1 sénior, Brais Castro, superou as semifinais cun moi bo tempo e pasou a finais, onde rematou décimo. 

    Na mesma categoría, C1 sénior, Luís Fernández, tivo unha gran actuación, acadando un dos postos de finais sen problema. Na final, nun percorrido sen penalizacións, rematou terceiro, compartindo podio co catalá Miquel Travé e o galego, do Penedo Piragüismo, Daniel Pérez. 

    En K1 sénior, Manuel Ochoa, entrou sen complicacións na final, onde so se viu superado polo local Axel Alfonso do Tea de Mondariz e por diante do catalá Miquel Travé. 

    Gran balance para os Teixugos nesta primeira concorrida competición da Liga, con catro finalistas e tres medallas, prata para Emilio e Manu e un bronce para Luís. 

    Con esta competición ponse de manifesto a necesidade de unha canle de slálom en Galicia, pois, a pesares da impecable organización dos anfitrións, demasiadas variables condicionan os eventos organizados aquí, e xa son moitas as veces que se suspenden ou modifican pola falta dunha instalación adecuada. 


 

domingo, 18 de febrero de 2024

TRES MEDALLAS PARA OS TEIXUGOS NA XIV TAÇA IBÉRICA DE SLÁLOM

 Esta fin de semana gran festa do slálom coa celebración da XIV Taça Ibérica de Slálom en augas do río Coura en Covas, Vilanova de Cerveira. A competición organizada polo Club Deportivo Miño- Teixugos, en colaboración coas federacións portuguesa e galega, contou con máis de 150 deportistas procedentes de España e Portugal. Acudiron representantes de tódolos clubs galegos e portugueses, pois era proba puntuable para a liga portuguesa e galega de slálom, aos que se uniron piragüistas de Asturias, Madrid e Castela León. 

O sábado celebráronse as clasificatorias e semifinais cun circuíto fluído e rápido sen demasiada dificultades e o domingo finais cun percorrido máis técnico e complicado, e entrega de medallas. 

Oito foron os participantes dos teixugos na proba, con grandes resultados.

 En K1 home Infantil, Alejandro Barreiro foi décimo sétimo e Leo Álvarez décimo noveno; en K1 home cadete, Brais Álvarez rematou vixésimo segundo e en K1 muller Infantil, Nerea Álvarez quedou sexta e Leila Álvarez sétima. 

En K1 veterano Emilio Rodríguez gañou a proba, acadando a medalla de ouro. En k1 muller sénior, Laura Alonso subiu ao máis alto do podio, gañando o segundo ouro para o club. E en C1 home sénior Brais Castro tamén destacou cunha gran baixada, e, co segundo mellor tempo, fíxose coa medalla de prata. 

Dúas medallas de ouro e unha de prata, un gran balance para os teixugos nesta competición que crece ano a ano, na que, máis que medallas, se pretende a promoción e potenciación deste fermoso e vistoso deporte que ano a ano vai gañando practicantes e popularidade. Dúas xornadas nas que predominou a deportividade e convivencia de deportistas de toda a península. 

A semana que ven, nova cita co slálom, desta vez nas augas do Tea ao seu paso por Mondariz Balneario, onde terá lugar a 1ª Copa de España de Slálom. 

 



 


 

martes, 16 de enero de 2024

CATRO MEDALLAS PARA OS TEIXUGOS NO INICIO DA TEMPADA 2024

 

    Esta pasada fin de semana deu comezo nas augas do río Tea, ao seu paso por Mondariz Balneario, a primeira competición do ano de Slálom. O sábado 13 disputouse a 1ª Copa Galega de Novas Promesas e o domingo a 1ª Copa Galega de Slálom.  O Club Deportivo Miño-Teixugos, acudiu aos eventos cunha representación reducida, pero que desempeñou un gran papel. 


 

     O sábado déronse cita as categorías máis novas do panorama galego. Estas competicións teñen como fin a promoción do slálom entre os máis pequenos, que melloran a súas competencias técnicas e socializan cos deportistas doutros clubs, pois neste deporte a rivalidade é contra as augas e o río. A mellor actuación dos teixuguiños correspondeulle a Leila Álvarez que en K1 muller infantil acadou a medalla de bronce, na mesma categoría Nerea Álvarez rematou cuarta. En K1 home infantil Alejandro Barreiro rematou quinto e Brais Álvarez sexto en K1 home cadete. 

 






    O domingo competían as categorías adultas, e os resultados non puideron ser mellores. Laura Alonso foi a vencedora en K1 muller sénior, subindo ao máis alto do podio; Emilio Rodríguez gañou na categoría veteranos de K1, acadando tamén medalla de ouro; e en C1 sénior home Brais Castro rematou a final co terceiro mellor tempo, conseguindo o bronce. 






 

     Na clasificación final por equipos, o Club Deportivo Miño-Teixugos, rematou cuarto nas dúas competicións, pois aínda que os resultados foron bos, o número de participantes do club foi moi minguado. 

 

domingo, 12 de noviembre de 2023

CAMPIONATO GALEGO DE SLÁLOM, DUMBRÍA: CINCO MEDALLAS PARA OS TEIXUGOS

 


 Este domingo, nas augas do río Xallas, na localidade de Dumbría, celebrouse o Campionato Galego de Slálom. Despois de ser aprazada unha semana por mor do mal tempo, o campo de slálom do Couquiño acolleu a despedida da tempada galega de slálom.


 

 Sete deportistas do Club Deportivo Miño-Teixugos acudiron ao evento, e, a pesares da reducida representación, foron quen de acadar cinco medallas para o club. 

En K1 sénior feminino, Laura Alonso, gañou a proba, proclamándose campioa galega. Acompañouna no podio Alba Soutelo que conseguiu a prata. Na mesma categoría Laura Soutelo, Marina Ruedas e Ariadna Pereira foron quinta, sexta e sétima respectivamente.

 


 En C1 sénior feminino, Alba Soutelo, acadou a súa segunda medalla, pero nesta ocasión de ouro.

 


 En C1 sénior masculino, Brais Castro rematou co terceiro mellor tempo, obtendo o bronce. Brais tamén participou en K1, onde logrou o sétimo lugar. 

 


E en K1 veterano masculino, Emilio Rodríguez resultou gañador conseguindo o terceiro ouro para os Teixugos. 

 


A pesares dos bos resultados, tres ouros, unha prata e un bronce, na clasificación por clubs, o Deportivo Miño-Teixugos non conseguiu subir ao podio, rematando cuarto.

domingo, 22 de octubre de 2023

CAMPIONATO DE ESPAÑA, SEU D´URGELL: 21 e 22 /10/2023

 

Esta fin de semana pechouse a tempada 2023 de slálom co Campionato de España da modalidade. As augas da canle olímpica da Seu D´Urgell acolleron a máis importante das competicións do panorama nacional no que se deron cita máis de douscentos deportistas das categorías sénior e júnior. O sábado disputáronse as clasificatorias e no domingo as semifinais e finais. 


 

O club Deportivo Miño-Teixugos levou un equipo reducido, pero con impresionantes resultados. 


 

En C1 sénior, Luís Fernández, superou sen problemas as clasificatorias cun cuarto lugar. O domingo deu mostras do seu gran nivel ao pasar a finais sen maior problema co segundo mellor tempo. Na final, fixo unha gran baixada, sen penalizacións, nun tempo de 90,68 segundos que lle valeu a medalla de prata. 


 

En K1 sénior, Manuel Ochoa, tamén superou sen problemas as clasificatorias do sábado e as semifinais do domingo con dúas grandes baixadas. Na final, cunha impresionante actuación, quedou segundo cun tempo de 85,65 segundos, a menos de dúas décimas de gañar o campionato. 


 

En K1 veteranos, Emilio Rodríguez, fixo unha gran final, conseguindo a terceira das medallas de prata para os Teixugos. 


 

En C1 sénior, Alba Soutelo, conseguiu superar as clasificatorias, pero non as semifinais, rematando no duodécimo lugar. 




 

Gran peche de tempada para o Club Deportivo Miño-Teixugos con estas tres medallas de prata. Confirmando, ademais, aos subcampións de España Manu Ochoa e Luís Fernández como parte da elite do slálom español. 

Podedes ver máis fotos no enlace AQUÍ



sábado, 7 de octubre de 2023

COPA FINAL DO MUNDO, VAIRES-SUR-MARNE: 5 a 8/10/2023

      Ao longo desta semana celebrouse na canle francesa de Vaires-Sur-Marne a Copa Final do Mundo, como peche da tempada 2023. Deportistas de todo o mundo déronse cita para medir as súas forzas nesta canle, que será a sede olímpica do slálom en París 2024. 

    Entre os integrantes do equipo español estaba o teixugo Luís Fernández Pereira. O deportista de Salceda e membro do Club Deportivo Miño-Teixugos, intentou acadar unha das 24 prazas para as semifinais na modalidade de canoa ou C1, para o que dispuxo de dúas oportunidades. Na primeira fixo unha baixada limpa, sen penalizacións, pero algo lenta con 106.26 segundos; na segunda oportunidade fixo un gran tempo de 98.69, pero dous segundos de penalización por un toque na porta 13, deixárono fóra de semifinais por tan só dúas décimas de segundo. Luís rematou a súa participación nesta copa do mundo no vixésimo sexto lugar. 

    O outro galego na selección, Daniel Pérez, do Club Piragüismo Penedo, tamén na modalidade de C1, tampouco conseguiu o pase a semifinais, rematando trixésimo oitavo. 

    Esta tempada 2023 terá o seu peche o 21 e 22 de outubro na Seu D´Urgell, onde se celebrará o Campionato de España de Slálom Olímpico. Despois desta última cita os deportistas comezaran unha dura tempada de adestramentos e selectivos para buscar unha das prazas para os Xogos Olímpicos de 2023. 


 

domingo, 24 de septiembre de 2023

CAMPIONATO GALEGO DE PROMOCIÓN, MONDARIZ BALNEARIO: 24/09/2024

  Este domingo celebrouse nas augas do río Tea, na localidade de Mondariz Balneario, o Campionato Galego de Promoción de Slálom; a máis importante da Liga Galega de Promoción, na que compiten os máis novos do piragüismo galego. 

 Once deportistas do Club Deportivo Miño-Teixugos acudiron ao acontecemento. 


 

 Francia Piñeiro en K1 Infantil rematou oitava. En K1 Alevín feminino, Leila Álvarez gañou a proba, Nerea Álvarez foi segunda e Rita Olveira terceira, conformando un podio enteiramente do Deportivo Miño. Iria Álvarez estreouse en categoría prebenxamín cunha medalla de prata. Leila, como xa é habitual, tamén participou en canoa ou C1, acadando o ouro, e, a prata foi para Nerea que se estreou na categoría en competición. 




 

Nas categorías masculinas, Iván Cruz foi décimo en K1 infantil. En K1 alevín, Alejandro Barreiro rematou sexto e Lois Montenegro acadou a medalla de bronce. En K1 benxamín, Martín Vicente foi sétimo, Nicolás Piñeiro sexto e Roque Olveira segundo, conseguindo a medalla de prata. 


 

Dúas medallas de ouro, catro de prata e dúas de bronce son un gran balance para o Deportivo Miño-Teixugos neste campionato galego. Na clasificación final por equipos remataron en quinto lugar.