O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu con sete deportistas que conseguiron uns impresionantes resultados.
O venres tocoulle a vez ao Campionato de España de Slálom Extremo. Pola mañá as clasificatorias, unha contra reloxo individual na que entraban os dezaseis mellores tempos e pola tarde cuartos de final, semifinais e finais, na que os dezaseis se enfrontan de catro en catro clasificando os dous primeiros para a seguinte ronda.
En K1 Muller Júnior, Ainhoa Barreiro no superou a contra reloxo, rematando décimo novena. Na mesma categoría Alba Soutelo entrou en cuartos de final co oitavo mellor tempo, onde rematou terceira da súa serie, quedando, por tanto, fóra das semifinais.
En K1 home júnior, Sergio Rodríguez fixo unha contra reloxo impresionante, co terceiro mellor tempo, pero na súa serie rematou cuarto quedando fóra das semifinais.
En K1 sénior, participaban Luís Fernández e Manu Ochoa. Luís rematou décimo terceiro e Manu quinto, entrando os dous en cuartos de final. A mala sorte fixo que se enfrontaran en cuartos, Manuel gañou a serie e Luís rematou terceiro, quedando eliminado. Na ronda de semifinais Manu rematou segundo e xa na final, despois dun contratempo coa pa, rematou terceiro, conseguindo a medalla de bronce.
Na competición por equipos ou patrullas, nas que os tres integrantes deben facer o circuíto xuntos, os teixugos presentaron un equipo feminino en K1, formado por Laura, Ainhoa e Alba, que remataron sétimas; e un equipo K1 masculino, formado por Manuel, Emilio e Sergio, que remataron décimo cuartos.
Na modalidade de Slálom Olímpico o campionato comezou o sábado coas clasificatorias, os vinte mellores tempos pasaron as semifinais do domingo, onde os dez mellores pasaron a final.
En K1 muller sénior ou absoluta, Laura Alonso superou as clasificatorias, e nas semifinais fixo unha boa baixada, pero un erro nas dúas últimas portas deixárona fora das finais, rematando o campionato décimo sexta.
Ainhoa Barreiro, en C1 e K1 muller júnior, non conseguiu supera as clasificatorias nin en canoa nin en caiac.
Alba Soutelo, tamén en júnior, conseguiu o pase a semifinais nas modalidades de K1 e C1. En K1, modalidade na que practicamente non adestra, rematou décimo cuarta e non foi as finais. En C1, a súa especialidade, superou as semifinais co quinto mellor tempo, e, xa nas finais rematou sétima.
Emilio Rodríguez, en K1 veterano, dominou a proba rematando primeiro nas tres fases, proclamándose campión de España de veteranos.
Manuel Ochoa, en K1 sénior, superou as clasificatorias e semifinais chegando sobrado a finais. Na final, levaba tempo de podio, pero un erro na porta trece, con toque incluído relegárono ao sétimo lugar.
Luís Fernández, en C1 sénior, proclamouse sub-campión de España. Fixo un campionato impresionante con tres baixadas que rozaron a perfección, rematou as clasificatorias segundo, as semifinais terceiro e, xa na final, rematou segundo.
Na clasificación por clubs, o Deportivo Miño-Teixugos, rematou sétimo.
Neste campionato de España demostrouse unha vez máis o gran progreso e o bo momento que atravesa o slálom galego. Fai uns anos era algo anecdótico atopar a un galego nos podios das categorías absolutas, nestes momentos temos a Ainhoa Lameiro do Penedo Te Importa de Tui como campioa de España de canoa, a Luís Fernandez como sub-campión, tamén en C1, O Club Tea como campión de España de patrullas, a a Manu Ochoa no podio de extremo, Daniel Pérez no equipo sub-23, ... Para que este bo momento siga e suba debería haber unha maior promoción deste deporte, para garantir o relevo xeracional destes deportistas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario