lunes, 1 de agosto de 2022

CAMPIONATO DO MUNDO , AUGSBURG: 26 A 31/07/2022

 Do 26 ao 31 de xullo celebrouse na cidade xermana de Augsburgo a máis importante das competicións de slálom, o Campionato do Mundo de Slálom. 

 Nas augas do Eiskanal, a canle artificial de augas bravas máis antiga do mundo, construída para a celebración dos xogos olímpicos de 1972 no que o slálom se estreou como deporte olímpico, os mellores piragüistas do mundo do slálom déronse cita, cincuenta anos despois, para medir as súas forzas e habilidades. 

Os deportistas do club Deportivo Miño-Teixugos Luís Fernández e Manuel Ochoa acudiron ao campionato como integrantes da selección española. O mércores 27 de xullo deu comezo o campionato coa modalidade de equipos ou patrullas,. Esta é unha modalidade complexa e espectacular, pois os tres integrantes do equipo fan o percorrido a un tempo. En canoa ou C1, Luís Fernández, xunto ao catalá Miquel Travé e o vasco Ander Elosegui fixeron a súa baixada, onde varias penalizacións os deixaron en duodécimo lugar. 

En caiac ou K1, Manu Ochoa, o vasco Joan Crespo e o catalá Miquel Travé tiveron unha actuación correcta, con varias penalizacións, rematando tamén duodécimos. 

Luís Fernández, na súa esecialidade de C1, encarou as clasificatorias o venres 29, buscando unha das 30 prazas de semifinais, obxectivo que acadou sobradamente sen necesidade de acudir a re pesca. Nas semifinais do domingo fixo unha boa baixada, libre de penalizacións, pero non foi suficiente para ser un dos dez finalistas. Rematou o campionato nun impresionante décimo oitavo lugar. 

Manuel Ochoa, en K1, disputou as clasificatorias o xoves. No seu primeiro intento fixo unha baixada moi rápida, xa practicamente co praza asegurada, pero unha envorcadura na última porta deixárono fóra, non tivo mellor sorte no segundo intento, desta vez sen erros pero a un segundo de diferenza dos postos de semifinais, rematando a competición no cuadraxésimo terceiro posto. 

 Tamén participou Manuel na novísima modalidade de slálom extremo, que debutará como modalidade olímpica en París 2024. Na tarde do sábado máis de cen deportistas de todo o mundo se enfrontaron nunha contra reloxo, intentando acadar unha das 32 prazas para as series de extremo, Manuel conseguiu a súa de forma clara ao rematar co décimo terceiro mellor tempo. Ao día seguinte, os deportistas enfróntanse en series de catro na que se clasifican os dous primeiros. Manuel gañou a primeira das series, xa en cuartos de final, rematou terceiro, quedando fóra das semifinais. Rematou a competición nun destacable décimo segundo lugar. 

Non foi malo o balance final dos dous teixugos, nunha modalidade coma o slálom, no que un erro de décimas de segundo se paga caro. Por diante quedan o Campionato de España e dúas copas do mundo, na que novamente os dous teixugos loitarán por ascender postos no ranking mundial.





No hay comentarios:

Publicar un comentario