lunes, 22 de mayo de 2017

3ª COPA GALEGA PROMOCIÓN DE SLÁLOM: 21/05/2017

Este domingo tivo lugar no porto deportivo de Tui a terceira competición da Copa Galega de promoción de slálom. A competición, que foi organizada polo Club Tea, contou coa participación dos deportistas máis pequenos dos clubs galegos. 
Os nenos e nenas do Club Deportivo Miño remataron con 6 medallas no seu haber. Ainhoa Barreiro foi ouro en C-1 Muller Infantil e prata en K-1. Alba Soutelo rematou terceira nas dúas modalidades anteriores, facéndose por tanto con dúas medallas de bronce. Samuel Castro acadou outra medalla de ouro para o club en C-1 Infantil Masculino e Sergio Martínez prata en K-1 Infantil.
Na clasificación por clubs o Deportivo Miño rematou terceiro con 179 puntos, por detrás do Tea con 239 e o Penedo con 213.









martes, 16 de mayo de 2017

LUÍS FERNÁNDEZ NO EQUIPO NACIONAL DE SLÁLOM

Ao longo das últimas semanas tiveron lugar nas localidades da Seu d´Urgell e Pau os selectivos nacionais para formar parte dos equipos sénior, sub-23 e júnior de slálom.
Os días 6 e 7 de xuño, na canle da Seu, tiveron lugar os primeiros selectivos que solo deron superado dous deportistas do Club Deportivo Miño: Brais Castro e Luís Fernández.
Na seguinte fin de semana, 13 e 14 de xuño, na localidade francesa de Pau, celebráronse os segundos selectivos. Os equipos nacionais formáronse con tres mellores deportistas de cada categoría.
Brais Castro aspiraba a entrar no equipo sub-23 de canoa, pero non foi quen de quedar entre os tres primeiros.
Pola súa banda, Luís Fernández, acadou praza non solo na selección sub-23 senón tamén na absoluta, ao ser o segundo mellor canoísta por detrás do olímpico Ander Elosegui.
Esta praza dálle a Luís o dereito de participar no Campionato de Europa, en tres copas do Mundo e tamén no mundial sub-23.
Luís, natural de Salceda, adestra dende fai anos no centro nacional de slálom da Seu. O logro deste ano é maior se cabe, pois a principio de ano sufriu unha lesión no ombreiro, da que estaba recentemente recuperado cando afrontou as probas selectivas.
Ademais de Luís, só outra galega, Ainhoa Lameiro Lameiro do Piragüismo Penedo, deu superado este ano os selectivos nacionais.




domingo, 7 de mayo de 2017

3ª COPA DE ESPAÑA, SEU D´URGELL: 6-7/05/2017

Esta fin de semana celebrouse a 3ª Copa de España de Slálom na canle olímpica da Seu D´Urgell. A expectación e participación foron máximas xa que ademais as probas forman parte do selectivo nacional para os equipos Júnior, Sub-23 e sénior. O Club Deportivo Miño acudiu nesta ocasión con 5 piragüistas.

Andrea González rematou décimo primeira en K1 sénior e Ariadana Pereira foi oitava en K1 cadete.

Manuel Ochoa rematou décimo primeiro na categoría K1 sénior, a máis numerosa da competición.

Brais Castro rematou sexto en C1 sénior, un bo posto tendo en conta que é o seu primeiro ano na categoría.

Tamén en C1 sénior,  Luís Fernández foi o terceiro clasificado, obtendo por tanto a medalla de bronce. Luís gañou tamén nesta competición o dereito a participar nos selectivos que se celebrarán a semana que ven na canle da localidade francesa de  Pau, e no que ten moitas posibilidades de entrar tanto no equipo  sub-23 como sénior.

Na clasificación xeral por equipos, que gañou o Cadí Canoe Kayak, club local,  o Club Deportivo Miño rematou na novena posición. O mellor club galego foi o Penedo na sexta posición.
Bronce para Luís

lunes, 24 de abril de 2017

2ª COMPETICIÓN DA LIGA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM-SALVATERRA: 23/4/2017



Esta fin de semana tivo lugar en Cordeiro, no concello de Salvaterra a 2ª Competición da Liga Galega de Promoción de Slálom, liga na que participan os máis pequenos de clubs galegos e portugueses. O Club Deportivo Miño acudiu ao evento con 12 pequenos deportistas, moitos dos cales dobraron, facendo baixada en cáiac e canoa.
Cinco foron as medallas que os Teixugos acadaron nesta xornada, algunhas menos das esperadas, pero que non quitaron nin ilusión nin ganas aos máis pequenos e pequenas do Club.
A mellor participación do club  foi a de  Ainhoa Barreiro cunha medalla de ouro en C1 e unha de prata en K1 muller infantil. Samuel Castro foi prata en C1 Home Infantil. Sergio Martínez acadou o bronce en K1 Home Infantil e bronce tamén para Alba Soutelo en C1 Muller Infantil.
Na clasificación final por clubs o Club Penedo de Tui declarouse gañador cun total de 216 puntos, seguido do Club Tea de Mondariz con 189, terceiro foi o Piragüismo Dumbría con  178 e xa no cuarto lugar os Teixugos con 174.
Para ver imaxes da xornada preme AQUÍ

domingo, 2 de abril de 2017

2ª COPA DE ESPAÑA, SEU D´URGELL: 1-2/03/2017

Esta fin de semana tivo lugar na canle do Parc Olimpic do Segre, na Seu D´Urgell, a 2ª Copa de España de Slálom Olímpico, pertencente a Liga Española de Slálom. As competicións da Liga de Slálom teñen lugar ao longo de dous días, sábado e domingo, celebrándose en cada un deles clasificatorias e finais. O resultado final obtense coa suma dos postos obtidos nos dou días.
O Club Deportivo Miño participou nesta ocasión con oito dos seus deportistas, obtendo uns moi bos resultados, volvendo de LLeida con dúas medallas de prata.
En K1 sénior feminino,  Andrea González e Marina Ruedas remataron décimo quinta e décimo sexta, respectivamente, unhas posicións do máis dignas nesta complicada canle e nunha tempada na que apenas levan adestrado porque os seus estudos non llo permiten.
En K1 cadete feminino Ariadna Pereira foi sétima, despois de dúas baixadas algo lentas pero sen case penalizacións.
En C1 sénior chegou a primeira medalla para os Teixugos da man de Luis Fernández. Luis rematou segundo tanto sábado como domingo, o que lle valeu a medalla de prata da máxima categoría, solo superado polo olímpico Ander Elosegui. Medalla de prata que sabe a ouro tendo en conta a idade de Luís, este é o seu segundo ano de sénior, e que ademais acusa unha pequena lesión no seu ombreiro.
Tamén en C1 sénior, Brais Castro, que se estrea este ano na categoría,  rematou noveno. O sábado fixo unha moi boa baixada coa que deu entrado en finais e rematou sétimo, o domingo quedou fóra por moi pouco, rematando décimo.
En K1 veteranos chegou a segunda medalla da man de  Emilio Rodríguez, que tanto o sábado coma o domingo fixo dúas moi boas baixadas que lle valeron o segundo posto por detrás de Carles Juanmartí do Cadí, o club local.
En K1 sénior, Manuel Ochoa , tanto sábado como domingo fixo finais, rematando finalmente quinto na categoría máis numerosa desta competición, un posto con moito mérito se se ten en conta o altísimo nivel dos competidores, con apenas décimas de segundo de diferenza nos quince primeiros postos, e que ademais, ao igual que Brais , este é o seu primeiro ano na categoría.
O último dos teixugos en participar foi Marco Patiño, en K1 júnior, que fixo dúas baixadas algo lentas, pero con moi poucas penalizacións, que lle valeron a décimo sétima posición.
Na clasificación final por equipos, o Club Deportivo Miño,  foi o mellor dos clubs galegos coa súa sexta posición.

A seguinte competición da liga XII Liga de Slálom Olímpico “Manuel Fonseca” será o 6 e 7 de maio, no mesmo lugar.
Para ver os resultados preme AQUÍ

domingo, 26 de marzo de 2017

TEIXUGOS NA III GALA DO DEPORTE DE TOMIÑO

Conducida por Terio Carrera e amenizada co humor de Pepo Suevos, na noite de onte tivo lugar no Auditorio de Goián a entrega de premios ao deporte tomiñés na III Gala do Deporte. O Club Deportivo Miño-Teixugos alí estivo con todos os seus rematando a xornada con dous premios no seu haber . 
O primeiro premio que lle foi concedido recaeu sobre Alba Soutelo co Premio a Deportista Feminina con Maior Proxección, premio ao que era tamén candidata Ainhoa Barreiro xunto con varias deportistas máis de outras especialidades. 
O segundo e último premio da noite para os Teixugos foi ao de Mellor Club ou Escola de Base de Tomiño.
Houbo ademais dúas candidaturas máis que ao final non se fixeron co premio,  Pablo Pousa e Emilio Rodríguez ao mellor adestrador e Manuel Ochoa ao mellor deportista.

O presidente Pablo Pousa recollendo o premio ao mellor Club de Base

Alba Soutelo co seu premio á Deportista con Maior Proxección

domingo, 19 de marzo de 2017

VIII TAÇA IBÉRICA DE SLÁLOM: 18-19/ 03 /2017






Esta fin de semana tivo lugar en Covas, Vila Nova de Cerveira, a VIII Taça Ibérica de Slálom, un evento que medra ano a ano e que revoluciona esta pequena aldea cerveirense. Ao longo de dous días máis de 100 deportistas galegos, portugueses e leoneses mostraron as súas destrezas nas augas do río Coura.
Na tarde do sábado tivo lugar a proba clasificatoria con máis de 150 embarcacións , na que os participantes  nos obsequiaron cunhas baixadas espectaculares. O nivel dalgúns dos deportistas foi moi alto o que fixo que moitos se quedaran fóra das finais, a pesar de obter unhas moi boas posicións, ao marcar estes o tempo de corte. Tal foi o caso de Marina Ruedas e Laura Alonso que a pesar de rematar terceira e quinta en K1 sénior feminino non entraron nas finais.
Ao longo da mañá do domingo disputáronse as finais nas que destacaron as actuacións do canoísta olímpico José Carvalho, do ADA de Amarante, gañador en C1 sénior e que marcou o mellor tempo da xornada e a do segundo mellor tempo marcado por o tamén portugués Iván Silva do ABC de Amarante en K1 sénior.
Os Teixugos, un dos organizadores de este evento, acudiu con doce deportistas a medir forzas nas augas bravas do Coura. Sergio Martínez fíxose con dúas pratas en K1 e C1 infantil. O seu compañeiro Samuel Catro foi ouro en C1 infantil e rematou cuarto en K1. Marco Patiño foi sexto en K1 júnior. Na categoría K1 sénior Brais Castro foi sétimo, Emilio Rodríguez décimo e Guillermo Pereira décimo quinto. En C1 sénior Brais acadou a quinta praza. Aihoa Barreiro foi prata en K1 e C1 infantil e na mesma categoría Alba Soutelo bronce en K1 e ouro en C1. Ariadana Pereira fíxose co bronce en K1 cadete.
Por equipos o gañador foi o ABC con 270 puntos, seguidos do C.P. Penedo de Caldelas con 251 e o Tea de Mondariz con 247. Os Club Deportivo Miño rematou cuarto con 223puntos.
Para ver tódolos resultados preme AQUÍ
FOTOS 1
FOTOS 2