domingo, 26 de febrero de 2023

1ª COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM, COVAS: 25-26/02/2023

 Primeira cita importante da tempada oficial de slálom esta fin de semana nas augas do río Coura. Na localidade lusa de Covas, Vila Nova de Cerveira, celebrouse ao longo de dous días a Primeira Copa de España de Slálom. Pensada inicialmente para celebrarse en Mondariz, o baixo caudal do Tea, obrigou a este cambio de localización. 
Os mellores deportistas do slálom español déronse cita nesta primeira copa, que como figura na normativa da Federación, consta de dúas competicións diferenciadas, unha o sábado e outra o domingo. Máis de douscentos piragüistas acudiron ao evento. Todos participaron nas semifinais, e os dez mellores de cada categoría pasaron á final. 
O Club Deportivo Miño levou a oito deportistas que tiveron unha máis que destacada participación. 
Luís Fernández, en C1 sénior, tivo unha actuación brillante. Acadou as finais nos dous días, rematando o sábado terceiro e o domingo primeiro, bronce e ouro para o canoísta de Salceda. Na mesma categoría Brais Castro so participou o domingo, fixo final e rematou en décimo lugar. 


Manuel Ochoa, en K1 sénior, tamén superou as semifinais os dous días. O sábado acadou a medalla de bronce ao rematar terceiro e o domingo quedou cuarto. 


Emilio Rodríguez, en k1 veterano, rematou quinto no primeiro día, e subiu ao podio na segundo, acadando a medalla de bronce. 


Adrián Lluch, en k1 júnior, fixo dúas baixadas correctas, pero quedou lonxe das finais nos dous días.
 Alba Soutelo estreouse na categoría absoluta ou sénior de canoa. O sábado tivo unha actuación impresionante o conseguiu entrar nas finais, rematando décima; o domingo acadou o décimo terceiro lugar 
En k1 sénior participaron Laura Alonso e Ainhoa Barreiro. Ningunha chegou a finais, rematando Laura décimo oitava sábado e décimo sexta domingo. Ainhoa foi décimo novena ámbolos dous días. 

Na clasificación final por equipos, o Club Deportivo Miño-Teixugos, rematou noveno o sábado e oitavo o domingo. Bo balance nesta Primeira Copa de España para os Teixugos con catro medallas, tres bronces e un ouro. 





 Rematar salientando a necesidade dunha canle de augas bravas en Galicia para organizar este tipo de eventos sen contratempos, pois ao longo das dúas xornadas houbo varias baixadas de caudal que prexudicaron a algúns participantes, pois ao ser tan longas é complicado manter un fluxo continuado de auga, dependendo sempre da administración das presas ou da chuvia caída.







domingo, 5 de febrero de 2023

XIII TAÇA IBÉRICA, COVAS: 4-5/02/2023

Na localidade de Covas, en Vilanova de Cerveira, celebrouse esta fin de semana a décimo terceira edición da Taça Ibérica de Slálom. Máis de cen deportistas déronse cita nas augas do río Coura, nesta primeira prova da tempada 2023. Disputaron as provas deportistas galegos, portugueses e do Centro de Alto Rendemento de León. 
 O Club Deportivo Miño, organizador do evento, acudiu con tan so cinco deportistas, un equipo minguado, pero que non foi impedimento para subir ao podio, ao acadar dúas medallas de ouro e unha de prata.


 Alba Soutelo, estreouse na categoría sénior ou absoluta, participando tanto en C1 como en K1, resultando gañadora nas dúas. Impresionante Alba nesta proba con estas dúas medallas de ouro. 
Laura Alonso, tamén en K1 sénior, tivo unha moi boa participación, acadando a medalla de prata, ao rematar co segundo mellor tempo de finais. 



Na mesma categoría Ainhoa Barreiro quedou quinta. Adrián Lluch , en K1 júnior, rematou a proba no noveno lugar. Emilio Rodríguez, en K1 sénior, finalizou décimo noveno.



 Na clasificación final por equipos os Teixugos acadaron o sétimo lugar, lonxe do podio, pero un resultado esperado cun equipo tan reducido. A próxima cita será nas augas do Tea, en Mondariz, onde se disputará a 1ª Copa de España de Slálom.

domingo, 25 de septiembre de 2022

CAMPIONATO GALEGO DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM, MONDARIZ: 25/09/2022

Este domingo disputouse no río Tea ao seu paso por Mondariz o Campionato Galego de Promoción de slálom. Os máis cativos dos clubs galegos déronse cita nesta competición, que é a máis importante da Liga Galega de Promoción. 


O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu con 12 pequenos deportistas, un bo número, que día a día continúa medrando, acompañados de Emilio Rodríguez e Pablo Pousa, os seus adestradores. 


En K1 benxamín, Rita Oliveira, proclamouse campioa galega ao facer a mellor baixada da categoría. 


Nerea Álvarez, na categoría alevín, tivo dobre participación e dobre medalla de bronce, pois rematou terceira en K1 e tamén en C1, modalidade na que se estreaba en competición. 


En K1 pre-benxamín, Roque Oliveira acadou a prata e o seu compañeiro Nicolás Piñeiro o bronce. 


En K1 benxamín, Lois Montenegro rematou terceiro, subindo tamén ao podio. Na mesma categoría Tiago Rey foi noveno e Martín Vicente décimo.
 En K1 home alevín, Alejandro Barreiro rematou sexto, Iván Cruz décimo terceiro, Leo Álvarez décimo cuarto e Tymofii Monasty décimo quinto. 
En k1 home infantil, Brais Álvarez foi décimo. 
Gran balance para os do Deportivo Miño a nivel de podios, con unha medalla de ouro, outra de prata e catro bronces, aínda que a finalidade destas competicións e a promoción deste deporte entre os máis pequenos. Un deporte no que prima o esforzo e a loita contra o río e as portas, o espírito de superación, o compañeirismo e a solidariedade. 
Na clasificación final por equipos, o Deportivo Miño-Teixugos rematou cuarto.

sábado, 10 de septiembre de 2022

CAMPIONATO GALEGO DE SLÁLOM, ARBO: 10/09/2022

Este sábado, na localidade de Arbo, celebrouse o Campionato Galego de Slálom. Nas augas do río Miño, piragüistas das categorías sénior e júnior, mediron as súas forzas. 

O Club Deportivo Miño- Teixugos acudiu con cinco deportistas, e todos eles conseguiron subir ao podio.


 Laura Alonso gañou en K1 muller sénior. Emilio Rodríguez tamén foi o gañador en k1 veterano. Sergio Rodríguez, en k1 júnior , conseguiu a medalla de prata. Ainhoa Barreiro, en K1 júnior, tamén foi segunda. Alba Soutelo participou en K1 júnior, onde obtivo a medalla de prata e en C1, onde resultou gañadora. 

Tres medallas de ouro, dúas de prata e unha de bronce é un impresionante balance para os Teixugos na máis importante das competicións da Liga Galega de Slálom. 

Na clasificación por equipos, o Club Deportivo Miño- Teixugos, rematou cuarto. 

Tamén se celebrou a competición por equipos ou patrullas. Laura, Ainhoa e Alba formaron equipo en k1 sénior, sendo o único que baixou na categoría, o que denota o grave problema que atravesa este deporte na categoría sénior feminina, reflexo dunha sociedade na que as mulleres, chegada unha idade, deixan de practicar deporte, fronte a unha maioría de homes que si continúan.





domingo, 4 de septiembre de 2022

2022 ICF CANOE SLALOM WORLD CUP FINAL, LA SEU D´URGELL: 2 a 4/09/2022



Última cita internacional da tempada para Luís Fernández e Manuel Ochoa coa selección española de slálom. Nas augas do Parc Olimpic do Segre, na Seu D´Urgell, os días 2, 3 e 4 de setembro celebrouse a “2022 ICF Canoe Slalom World Cup Final”, última das competicións internacionais de carácter oficial. 


O tomiñés Manuel Ochoa fixo historia ao acadar a medalla de prata na modalidade de Slálom Extremo. Na contra reloxo do sábado fixo o mellor tempo de todos e meteuse en clasificatorias. Unha vez superada esta fase da competición, fanse enfrontamentos de catro en catro, pasando os dous primeiros a seguinte fase. Nese mesmo sábado Manuel gañou a súa serie, clasificándose para cuartos de final. Na tarde do domingo, amosando un dominio total da situación, gañou con vantaxe cuartos de final, nas semifinais entrou segundo, o que o meteu xa na gran final. Neste enfrontamento final o checo Heger Vojtech entrou primeiro, e detrás del, case a un tempo Manuel Ochoa e o francés Theo Desvignes, tan igualada foi a chegada que os xuíces tiveron que recorrer ao vídeo oficial para determinar cal dos dous entrou primeiro. Este resultado confirma ao teixugo Manu Ochoa como un dos mellores especialistas do mundo nesta nova modalidade que se estreará como olímpica en París 2024. 


Manuel participou tamén na modalidade de k1 en slálom. O venres nunha gran baixada, entrou directo en semifinais co oitavo mellor tempo. Nas semifinais, xa non tivo tanta sorte, e non conseguiu estar entre os dez mellores, para estar nas finais. Rematou na vixésimo primeira posición. 


Luís Fernández participou en C1, e na tarde do venres, cunha gran baixada, conseguiu pase directo a semifinais. Nas semifinais do domingo, Luís fixo un espectacular e rapidísima percorrido, pero dúas penalización por toques deixárono fóra, rematou a copa décimo noveno. 
As copas do mundo son unha especie de liguiña, e na última súmanse as puntuacións obtidas polos participantes. Neste ranking final, Luís Fernández rematou vixésimo quinto en C1, e, Manuel Ochoa vixésimo oitavo en K1 e cuarto en extremo. 
Destacar tamén a participación doutra galega, Ainhoa Lameiro, do Club Penedo Te Importa de Tui, que conseguiu meterse nas finais de C1, rematando nunha máis que destacable sétima posición. 
Tanto Manuel como Luís seguirán adestrando coa selección nacional, e nos primeiros meses do ano que ven, deberán superar os durísimos selectivos para seguir formando parte do equipo nacional.
Fotos de Norbert Aguilera




lunes, 29 de agosto de 2022

COPA DO MUNDO, PAU: 26 a 28/08/2022

Do 26 ao 28 de agosto celebrouse na localidade francesa de Pau a penúltima Copa do Mundo de Slálom. No Stade d'Eaux Vives desta localidade dos Pirineos franceses, o mellor do slálom mundial, competiu e deu fe das súas habilidades. 
Entre os integrantes dos catorce deportistas que representaban a España, atopábanse Luís Fernández e Manuel Ochoa, do Club Deportivo Miño-Teixugos. 




Luís Fernández participou na modalidade de canoa ou C1. O venres fixo fronte as clasificatorias xunto con outros 52 deportistas de 24 países. Entraban os 20 mellores tempos, e a piques estivo de logralo, pero un toque na porta 21 deixárono fora a décimas de segundo de conseguilo. Na re pesca xogábanse dez novas prazas para semifinais, unhas das cales foi para o Luís, ao rematar quinto. O domingo, o deportista de Salceda, fixo a súa baixada de semifinais, buscando ser un dos dez finalistas, pero tres toques e unha penalización de cincuenta segundos deixárono fóra. Rematou a copa do mundo vixésimo oitavo. 
Manuel Ochoa participou en caiac ou K1. Nas clasificatorias do venres 68 deportistas de 33 países intentaron facerse cunha das trinta prazas de semifinais que se xogaban nesta primeira ronda. Un toque na primeira porta deixouno fóra a menos dun segundo de acadalo. Na re pesca fixo unha baixada sen penalizacións, entrando en semifinais in extremis, co décimo tempo. O sábado nas semifinais, fixo un percorrido sen penalizacións, pero algúns pequenos fallos no trazado deixárono fóra de finais. Rematou a copa do mundo vixésimo primeiro. 


O tomiñés tamén forma parte do equipo español de slálom extremo. Na tarde do sábado celebrouse a contra reloxo, na que os 72 participantes buscaron unha das trinta e dúas prazas para os enfrontamentos da competición propiamente dita. Clasificaban os vinte mellores tempos e as doce prazas restantes asignábanse por países, entre os que non entraron nos vinte primeiros. Manuel fixo unha baixada impresionante, clasificándose co segundo mellor tempo. Despois desta fase, os clasificados pasan a enfrontarse de catro en catro, pasando a seguinte os dous primeiros. No seu primeiro enfrontamento, Manuel gañou a súa serie de forma rápida e clara. No segundo enfrontamento, xa non foi tan ben, a piques estivo de conseguilo entrando segundo, pero viuse superado no último momento polo participante italiano. Rematou esta copa en décimo lugar, colocándose entre a elite mundial desta modalidade. 
 Xunto a Luís e Manu, outra galega forma parte do equipo nacional. Ainhoa Lameiro, do Club Penedo de Tui, participou na modalidade de C1, na que rematou décimo terceira, moi preto de acadar finais.
 Tanto Luís como Manuel terán a súa derradeira participación internacional da tempada esta vindeira fin de semana na canle do Segre Parc, na Seu D´Urgell, onde se celebrará a Copa do Mundo Final.

 

lunes, 22 de agosto de 2022

CAMPIONATO DE ESPAÑA DE SLÁLOM E DE SLÁLOM EXTREMO, ALEJICO, SABERO:19a21/08/2022

Do 19 ao 21 de agosto tivo lugar na canle de slálom de Alejico, na localidade leonesa de Sabero, o Campionato de España de Slálom. Tres maratonianas xornadas con elevadísima participación, retomando os ambientes previos á pandemia. O campionato non é unha única competición, senón tres: Campionato de Slálom Extremo, Campionato por Equipos ou patrullas e Campionato de Slálom. 
O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu con sete deportistas que conseguiron uns impresionantes resultados.

 O venres tocoulle a vez ao Campionato de España de Slálom Extremo. Pola mañá as clasificatorias, unha contra reloxo individual na que entraban os dezaseis mellores tempos e pola tarde cuartos de final, semifinais e finais, na que os dezaseis se enfrontan de catro en catro clasificando os dous primeiros para a seguinte ronda. 


En K1 Muller Júnior, Ainhoa Barreiro no superou a contra reloxo, rematando décimo novena. Na mesma categoría Alba Soutelo entrou en cuartos de final co oitavo mellor tempo, onde rematou terceira da súa serie, quedando, por tanto, fóra das semifinais. 
 En K1 home júnior, Sergio Rodríguez fixo unha contra reloxo impresionante, co terceiro mellor tempo, pero na súa serie rematou cuarto quedando fóra das semifinais. 
En K1 sénior, participaban Luís Fernández e Manu Ochoa. Luís rematou décimo terceiro e Manu quinto, entrando os dous en cuartos de final. A mala sorte fixo que se enfrontaran en cuartos, Manuel gañou a serie e Luís rematou terceiro, quedando eliminado. Na ronda de semifinais Manu rematou segundo e xa na final, despois dun contratempo coa pa, rematou terceiro, conseguindo a medalla de bronce. 
Na competición por equipos ou patrullas, nas que os tres integrantes deben facer o circuíto xuntos, os teixugos presentaron un equipo feminino en K1, formado por Laura, Ainhoa e Alba, que remataron sétimas; e un equipo K1 masculino, formado por Manuel, Emilio e Sergio, que remataron décimo cuartos. 


Na modalidade de Slálom Olímpico o campionato comezou o sábado coas clasificatorias, os vinte mellores tempos pasaron as semifinais do domingo, onde os dez mellores pasaron a final. 
En K1 muller sénior ou absoluta, Laura Alonso superou as clasificatorias, e nas semifinais fixo unha boa baixada, pero un erro nas dúas últimas portas deixárona fora das finais, rematando o campionato décimo sexta. 
Ainhoa Barreiro, en C1 e K1 muller júnior, non conseguiu supera as clasificatorias nin en canoa nin en caiac. 


Alba Soutelo, tamén en júnior, conseguiu o pase a semifinais nas modalidades de K1 e C1. En K1, modalidade na que practicamente non adestra, rematou décimo cuarta e non foi as finais. En C1, a súa especialidade, superou as semifinais co quinto mellor tempo, e, xa nas finais rematou sétima. 


Emilio Rodríguez, en K1 veterano, dominou a proba rematando primeiro nas tres fases, proclamándose campión de España de veteranos. 


Manuel Ochoa, en K1 sénior, superou as clasificatorias e semifinais chegando sobrado a finais. Na final, levaba tempo de podio, pero un erro na porta trece, con toque incluído relegárono ao sétimo lugar. 


Luís Fernández, en C1 sénior, proclamouse sub-campión de España. Fixo un campionato impresionante con tres baixadas que rozaron a perfección, rematou as clasificatorias segundo, as semifinais terceiro e, xa na final, rematou segundo. 


Na clasificación por clubs, o Deportivo Miño-Teixugos, rematou sétimo. 
Neste campionato de España demostrouse unha vez máis o gran progreso e o bo momento que atravesa o slálom galego. Fai uns anos era algo anecdótico atopar a un galego nos podios das categorías absolutas, nestes momentos temos a Ainhoa Lameiro do Penedo Te Importa de Tui como campioa de España de canoa, a Luís Fernandez como sub-campión, tamén en C1, O Club Tea como campión de España de patrullas, a a Manu Ochoa no podio de extremo, Daniel Pérez no equipo sub-23, ... Para que este bo momento siga e suba debería haber unha maior promoción deste deporte, para garantir o relevo xeracional destes deportistas.