lunes, 24 de abril de 2017

2ª COMPETICIÓN DA LIGA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM-SALVATERRA: 23/4/2017



Esta fin de semana tivo lugar en Cordeiro, no concello de Salvaterra a 2ª Competición da Liga Galega de Promoción de Slálom, liga na que participan os máis pequenos de clubs galegos e portugueses. O Club Deportivo Miño acudiu ao evento con 12 pequenos deportistas, moitos dos cales dobraron, facendo baixada en cáiac e canoa.
Cinco foron as medallas que os Teixugos acadaron nesta xornada, algunhas menos das esperadas, pero que non quitaron nin ilusión nin ganas aos máis pequenos e pequenas do Club.
A mellor participación do club  foi a de  Ainhoa Barreiro cunha medalla de ouro en C1 e unha de prata en K1 muller infantil. Samuel Castro foi prata en C1 Home Infantil. Sergio Martínez acadou o bronce en K1 Home Infantil e bronce tamén para Alba Soutelo en C1 Muller Infantil.
Na clasificación final por clubs o Club Penedo de Tui declarouse gañador cun total de 216 puntos, seguido do Club Tea de Mondariz con 189, terceiro foi o Piragüismo Dumbría con  178 e xa no cuarto lugar os Teixugos con 174.
Para ver imaxes da xornada preme AQUÍ

domingo, 2 de abril de 2017

2ª COPA DE ESPAÑA, SEU D´URGELL: 1-2/03/2017

Esta fin de semana tivo lugar na canle do Parc Olimpic do Segre, na Seu D´Urgell, a 2ª Copa de España de Slálom Olímpico, pertencente a Liga Española de Slálom. As competicións da Liga de Slálom teñen lugar ao longo de dous días, sábado e domingo, celebrándose en cada un deles clasificatorias e finais. O resultado final obtense coa suma dos postos obtidos nos dou días.
O Club Deportivo Miño participou nesta ocasión con oito dos seus deportistas, obtendo uns moi bos resultados, volvendo de LLeida con dúas medallas de prata.
En K1 sénior feminino,  Andrea González e Marina Ruedas remataron décimo quinta e décimo sexta, respectivamente, unhas posicións do máis dignas nesta complicada canle e nunha tempada na que apenas levan adestrado porque os seus estudos non llo permiten.
En K1 cadete feminino Ariadna Pereira foi sétima, despois de dúas baixadas algo lentas pero sen case penalizacións.
En C1 sénior chegou a primeira medalla para os Teixugos da man de Luis Fernández. Luis rematou segundo tanto sábado como domingo, o que lle valeu a medalla de prata da máxima categoría, solo superado polo olímpico Ander Elosegui. Medalla de prata que sabe a ouro tendo en conta a idade de Luís, este é o seu segundo ano de sénior, e que ademais acusa unha pequena lesión no seu ombreiro.
Tamén en C1 sénior, Brais Castro, que se estrea este ano na categoría,  rematou noveno. O sábado fixo unha moi boa baixada coa que deu entrado en finais e rematou sétimo, o domingo quedou fóra por moi pouco, rematando décimo.
En K1 veteranos chegou a segunda medalla da man de  Emilio Rodríguez, que tanto o sábado coma o domingo fixo dúas moi boas baixadas que lle valeron o segundo posto por detrás de Carles Juanmartí do Cadí, o club local.
En K1 sénior, Manuel Ochoa , tanto sábado como domingo fixo finais, rematando finalmente quinto na categoría máis numerosa desta competición, un posto con moito mérito se se ten en conta o altísimo nivel dos competidores, con apenas décimas de segundo de diferenza nos quince primeiros postos, e que ademais, ao igual que Brais , este é o seu primeiro ano na categoría.
O último dos teixugos en participar foi Marco Patiño, en K1 júnior, que fixo dúas baixadas algo lentas, pero con moi poucas penalizacións, que lle valeron a décimo sétima posición.
Na clasificación final por equipos, o Club Deportivo Miño,  foi o mellor dos clubs galegos coa súa sexta posición.

A seguinte competición da liga XII Liga de Slálom Olímpico “Manuel Fonseca” será o 6 e 7 de maio, no mesmo lugar.
Para ver os resultados preme AQUÍ

domingo, 26 de marzo de 2017

TEIXUGOS NA III GALA DO DEPORTE DE TOMIÑO

Conducida por Terio Carrera e amenizada co humor de Pepo Suevos, na noite de onte tivo lugar no Auditorio de Goián a entrega de premios ao deporte tomiñés na III Gala do Deporte. O Club Deportivo Miño-Teixugos alí estivo con todos os seus rematando a xornada con dous premios no seu haber . 
O primeiro premio que lle foi concedido recaeu sobre Alba Soutelo co Premio a Deportista Feminina con Maior Proxección, premio ao que era tamén candidata Ainhoa Barreiro xunto con varias deportistas máis de outras especialidades. 
O segundo e último premio da noite para os Teixugos foi ao de Mellor Club ou Escola de Base de Tomiño.
Houbo ademais dúas candidaturas máis que ao final non se fixeron co premio,  Pablo Pousa e Emilio Rodríguez ao mellor adestrador e Manuel Ochoa ao mellor deportista.

O presidente Pablo Pousa recollendo o premio ao mellor Club de Base

Alba Soutelo co seu premio á Deportista con Maior Proxección

domingo, 19 de marzo de 2017

VIII TAÇA IBÉRICA DE SLÁLOM: 18-19/ 03 /2017






Esta fin de semana tivo lugar en Covas, Vila Nova de Cerveira, a VIII Taça Ibérica de Slálom, un evento que medra ano a ano e que revoluciona esta pequena aldea cerveirense. Ao longo de dous días máis de 100 deportistas galegos, portugueses e leoneses mostraron as súas destrezas nas augas do río Coura.
Na tarde do sábado tivo lugar a proba clasificatoria con máis de 150 embarcacións , na que os participantes  nos obsequiaron cunhas baixadas espectaculares. O nivel dalgúns dos deportistas foi moi alto o que fixo que moitos se quedaran fóra das finais, a pesar de obter unhas moi boas posicións, ao marcar estes o tempo de corte. Tal foi o caso de Marina Ruedas e Laura Alonso que a pesar de rematar terceira e quinta en K1 sénior feminino non entraron nas finais.
Ao longo da mañá do domingo disputáronse as finais nas que destacaron as actuacións do canoísta olímpico José Carvalho, do ADA de Amarante, gañador en C1 sénior e que marcou o mellor tempo da xornada e a do segundo mellor tempo marcado por o tamén portugués Iván Silva do ABC de Amarante en K1 sénior.
Os Teixugos, un dos organizadores de este evento, acudiu con doce deportistas a medir forzas nas augas bravas do Coura. Sergio Martínez fíxose con dúas pratas en K1 e C1 infantil. O seu compañeiro Samuel Catro foi ouro en C1 infantil e rematou cuarto en K1. Marco Patiño foi sexto en K1 júnior. Na categoría K1 sénior Brais Castro foi sétimo, Emilio Rodríguez décimo e Guillermo Pereira décimo quinto. En C1 sénior Brais acadou a quinta praza. Aihoa Barreiro foi prata en K1 e C1 infantil e na mesma categoría Alba Soutelo bronce en K1 e ouro en C1. Ariadana Pereira fíxose co bronce en K1 cadete.
Por equipos o gañador foi o ABC con 270 puntos, seguidos do C.P. Penedo de Caldelas con 251 e o Tea de Mondariz con 247. Os Club Deportivo Miño rematou cuarto con 223puntos.
Para ver tódolos resultados preme AQUÍ
FOTOS 1
FOTOS 2



domingo, 5 de marzo de 2017

1ª COPA DE ESPAÑA, MONDARIZ 4-5/3/17


 Espectáculo puro foi o que deron as principais figuras do piragüismo de augas bravas do panorama nacional esta fin de semana en Mondariz coa celebración da primeira das competicións da Liga Española de Slálom.  Máis de 150 deportistas acudiron a cita nas augas do río Tea. Este ano as competicións teñen lugar en dúas xornadas, con clasificatorias e finais en ámbolos dous días, resultando as clasificacións da suma de puntos obtidos nos dous días.
 O Club Deportivo Miño-Teixugos participou con doce dos seus integrantes.  
En K1 sénior feminino,  Andrea González foi a mellor galega no décimo terceiro lugar, Marina Ruedas e Laura Soutelo remataron décimo oitava e décimo novenas respectivamente; nesta categoría resultou gañadora a campioa olímpica Maialen Chorrault, invencible coma sempre.
 En K1 Júnior Feminino Laura Vaquero rematou no quinto lugar. Ariadna Pereira tivo participación dobre, en C1 e K1 Cadete feminino, rematando quinta nas dúas modalidades.
En C1 Sénior Luís Fernández obtivo o mellor resultado para o piragüismo galego ao facerse  coa medalla de prata, solo superado polo olímpico Ander Elosegui. O sábado Luís entrou en finais e rematou terceiro, o domingo fixo tamén finais e nunha espectacular baixada rematou segundo. A suma de puntos e tempos valeulle a medalla de prata na categoría reina masculina. Brais Castro tamén entrou nas dúas finais, rematando sétimo, un moi bo posto tendo en conta que é o seu primeiro ano como sénior.  Nesta mesma categoría Alejandro Ochoa, quedou décimo sexto.
A segunda medalla foi para Emilio Rodríguez en K1 Veterano. O segundo posto do sábado e o primeiro de domingo, fixeron que no cómputo final de puntos Emilio se alzara coa medalla de ouro.
En K1 sénior Manuel Ochoa, tamén no seu primeiro ano na categoría máxima, non tivo moita fortuna pois quedou as portas de finais nos dous días, rematando finalmente décimo. Na mesma categoría Alejandro Ochoa e Guillermo Martínez acabaron nos postos trixésimo segundo e trixésimo terceiro.
Pechou a participación dos Teixugos Marco Patiño en K1 Júnior cunha vixésima posición.
Na clasificación final por equipos o Atlético San Sebastián foi o gañador, seguido polo Cadí  e o Santiagotarrak .O Deportivo Miño acadou o sexto lugar.
Para ver tódalas fotos preme nunha imaxe e na outra.
https://goo.gl/photos/VQ3eGHsfrf2Skq269


 https://goo.gl/photos/Yxp2FXDg36ubd2fU7



domingo, 19 de febrero de 2017

1ª COPA GALEGA DE SLÁLOM EN SALVATERRA-19/02/2017



Este domingo celebrouse en Cordeiro, Salvaterra do Miño, a 1ª Copa Galega de Slálom, primeira das competicións oficiais de 2017. A xornada caracterizouse por unha baixa participación, entre as filas dos Teixugos destacaron as ausencias de Andrea González, Luís Fernández e Manuel Ochoa, ao atoparse fóra da Comunidade Galega.
O Club Deportivo Miño acudiu con 10 deportistas nas diferentes categorías. En K1 muller sénior Laura Soutelo rematou primeira e Marina Ruedas foi segunda,  Ariadna Pereira cuarta en K1 júnior, Alba Soutelo foi segunda e Ainhoa  Barreiro terceira en K1 muller infantil. En C1 infantil Samuel Castro rematou terceiro, en K1 infantil Sergio Martínez tamén foi terceiro, e na categoría sénior Brais Castro foi segundo tanto en C1 como en K1. Na clasificación por equipos o Club Deportivo Miño rematou no cuarto lugar.
Destacar tamén a participación dos teixugos no XXIII Slalom Internacional de Fridao, un clásico deste deporte que se celebra cada ano nesa localidade portuguesa. Esta proba tivo lugar a pasada fin de semana e nela Brais Castro acadou o segundo posto en canoa, por detrás do olímpico José Carballo.
A próxima cita será o 4 e 5 de marzo en Mondariz, onde se celebrará a 1ª Copa de España e 2ª Copa Galega.
Para ver as imaxes premer na foto.
https://goo.gl/photos/HEKfadMVHXHB5Gw4A

domingo, 15 de enero de 2017

PREMIOS PARA OS TEIXUGOS NA GALA DO PIRAGÜISMO GALEGO

Este sábado tivo lugar na localidade coruñesa de Rianxo a Gala do Piragüismo Galego 2016 presidida pola Secretaria Xeral para o Deporte Marta Míguez e polo presidente da federación Galega de Piragüismo Alfredo Bea. Nesta gala prémiase cada ano o mellor do piragüismo galego. 

O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu para recoller os seus dous galardóns. O primeiro premio que subiu a recoller o presidente do club, Pablo Pousa, foi o de gañadores da Liga Galega de Slálom 2016. A Liga consta de catro competicións, tres Copas Galegas e o Campionato, repartidas ao longo do ano. Os Teixugos remataron campións con 427 puntos, por diante do Club Tea de Mondariz con 417 e do Club Piragüismo Penedo con 416. 

En canto a Liga Galega de Promoción de Slálom, na que compiten as pequenas promesas do club, os Teixugos remataron terceiros por detrás do Tea de Mondariz e do Club Piragüismo Penedo, gañador desta liga. 

E xa nos premiados individuais Manuel Ochoa recibiu o premio a mellor promesa masculina, premio que subiu a recoller tamén Pablo Pousa, ao atoparse Manuel no centro nacional da Seu D´Urgell adestrando e preparando a tempada 2017. Premio para un ano redondo do teixugo no que quedou Campión de España Júnior de Slálom e Sub campión de Europa na modalidade de patrullas. 

Manuel formou parte este ano da Selección española Júnior e Sub23, na que entraron tamén os teixugos Brais Castro e Luís Fernández. Acudiu ao Campionato do mundo de Cracovia no que rematou cuarto en patrullas e décimo sexto en K1; e ao Campionato de Europa en Solkan onde foi o español mellor clasificado en K1, cunha sexta posición e medalla de prata en patrullas formando equipo co vasco Eneko Auzmendi e o catalán Nil García. 

Estes premios son a guinda a un impresionante e histórico 2016 para o Club Deportivo Miño. 

A tempada 2017, como xa é habitual comezará coa Taça Ibérica de Slálom, o próximo 28 de xaneiro en Covas, Portugal.