lunes, 22 de agosto de 2022

CAMPIONATO DE ESPAÑA DE SLÁLOM E DE SLÁLOM EXTREMO, ALEJICO, SABERO:19a21/08/2022

Do 19 ao 21 de agosto tivo lugar na canle de slálom de Alejico, na localidade leonesa de Sabero, o Campionato de España de Slálom. Tres maratonianas xornadas con elevadísima participación, retomando os ambientes previos á pandemia. O campionato non é unha única competición, senón tres: Campionato de Slálom Extremo, Campionato por Equipos ou patrullas e Campionato de Slálom. 
O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu con sete deportistas que conseguiron uns impresionantes resultados.

 O venres tocoulle a vez ao Campionato de España de Slálom Extremo. Pola mañá as clasificatorias, unha contra reloxo individual na que entraban os dezaseis mellores tempos e pola tarde cuartos de final, semifinais e finais, na que os dezaseis se enfrontan de catro en catro clasificando os dous primeiros para a seguinte ronda. 


En K1 Muller Júnior, Ainhoa Barreiro no superou a contra reloxo, rematando décimo novena. Na mesma categoría Alba Soutelo entrou en cuartos de final co oitavo mellor tempo, onde rematou terceira da súa serie, quedando, por tanto, fóra das semifinais. 
 En K1 home júnior, Sergio Rodríguez fixo unha contra reloxo impresionante, co terceiro mellor tempo, pero na súa serie rematou cuarto quedando fóra das semifinais. 
En K1 sénior, participaban Luís Fernández e Manu Ochoa. Luís rematou décimo terceiro e Manu quinto, entrando os dous en cuartos de final. A mala sorte fixo que se enfrontaran en cuartos, Manuel gañou a serie e Luís rematou terceiro, quedando eliminado. Na ronda de semifinais Manu rematou segundo e xa na final, despois dun contratempo coa pa, rematou terceiro, conseguindo a medalla de bronce. 
Na competición por equipos ou patrullas, nas que os tres integrantes deben facer o circuíto xuntos, os teixugos presentaron un equipo feminino en K1, formado por Laura, Ainhoa e Alba, que remataron sétimas; e un equipo K1 masculino, formado por Manuel, Emilio e Sergio, que remataron décimo cuartos. 


Na modalidade de Slálom Olímpico o campionato comezou o sábado coas clasificatorias, os vinte mellores tempos pasaron as semifinais do domingo, onde os dez mellores pasaron a final. 
En K1 muller sénior ou absoluta, Laura Alonso superou as clasificatorias, e nas semifinais fixo unha boa baixada, pero un erro nas dúas últimas portas deixárona fora das finais, rematando o campionato décimo sexta. 
Ainhoa Barreiro, en C1 e K1 muller júnior, non conseguiu supera as clasificatorias nin en canoa nin en caiac. 


Alba Soutelo, tamén en júnior, conseguiu o pase a semifinais nas modalidades de K1 e C1. En K1, modalidade na que practicamente non adestra, rematou décimo cuarta e non foi as finais. En C1, a súa especialidade, superou as semifinais co quinto mellor tempo, e, xa nas finais rematou sétima. 


Emilio Rodríguez, en K1 veterano, dominou a proba rematando primeiro nas tres fases, proclamándose campión de España de veteranos. 


Manuel Ochoa, en K1 sénior, superou as clasificatorias e semifinais chegando sobrado a finais. Na final, levaba tempo de podio, pero un erro na porta trece, con toque incluído relegárono ao sétimo lugar. 


Luís Fernández, en C1 sénior, proclamouse sub-campión de España. Fixo un campionato impresionante con tres baixadas que rozaron a perfección, rematou as clasificatorias segundo, as semifinais terceiro e, xa na final, rematou segundo. 


Na clasificación por clubs, o Deportivo Miño-Teixugos, rematou sétimo. 
Neste campionato de España demostrouse unha vez máis o gran progreso e o bo momento que atravesa o slálom galego. Fai uns anos era algo anecdótico atopar a un galego nos podios das categorías absolutas, nestes momentos temos a Ainhoa Lameiro do Penedo Te Importa de Tui como campioa de España de canoa, a Luís Fernandez como sub-campión, tamén en C1, O Club Tea como campión de España de patrullas, a a Manu Ochoa no podio de extremo, Daniel Pérez no equipo sub-23, ... Para que este bo momento siga e suba debería haber unha maior promoción deste deporte, para garantir o relevo xeracional destes deportistas.

sábado, 13 de agosto de 2022

5ª COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM, O COUQUIÑO, DUMBRÍA: 14/08/2022

Este sábado disputouse no Campo de Slálom de O Couquiño, en Olveira, Dumbría, a 5ª Copa Galega de Promoción de Slálom. A promoción acolle a nenas e nenos de entre 6 e 14 anos, que comezan o seu camiño no marabilloso mundo das augas bravas. Cada deportista baixa o circuíto dúas veces, contando a mellor das dúas baixadas para a clasificación final. 
O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu ao evento con dez deportistas. 
Rita Oliveira, en K1 muller benxamín, rematou en cuarto lugar. Leila Álvarez, k1 muller alevín, acadou a medalla de bronce; na mesma categoría, Nerea Álvarez foi cuarta. En k1 home pre-benxamín, Nicolás Piñeiro conseguiu a medalla de prata e Roque Oliveira o bronce. Outra prata máis para Lois Montenegro en K1 benxamín, e, na mesma categoría, Tiago Rey foi sétimo e Martín Vicente oitavo. En k1 home alevín, Iván Cruz acabou en novena posición. Pedro Lomba, en K1 infantil, foi quinto. 
 Catro medallas para os pequenos teixuguiños nesta 5ª Copa Galega, aínda que o máis importante destas competicións e facer deporte e amizades. Na clasificación final por equipos, o club Deportivo Miño rematou en cuarto lugar.











lunes, 1 de agosto de 2022

CAMPIONATO DO MUNDO , AUGSBURG: 26 A 31/07/2022

 Do 26 ao 31 de xullo celebrouse na cidade xermana de Augsburgo a máis importante das competicións de slálom, o Campionato do Mundo de Slálom. 

 Nas augas do Eiskanal, a canle artificial de augas bravas máis antiga do mundo, construída para a celebración dos xogos olímpicos de 1972 no que o slálom se estreou como deporte olímpico, os mellores piragüistas do mundo do slálom déronse cita, cincuenta anos despois, para medir as súas forzas e habilidades. 

Os deportistas do club Deportivo Miño-Teixugos Luís Fernández e Manuel Ochoa acudiron ao campionato como integrantes da selección española. O mércores 27 de xullo deu comezo o campionato coa modalidade de equipos ou patrullas,. Esta é unha modalidade complexa e espectacular, pois os tres integrantes do equipo fan o percorrido a un tempo. En canoa ou C1, Luís Fernández, xunto ao catalá Miquel Travé e o vasco Ander Elosegui fixeron a súa baixada, onde varias penalizacións os deixaron en duodécimo lugar. 

En caiac ou K1, Manu Ochoa, o vasco Joan Crespo e o catalá Miquel Travé tiveron unha actuación correcta, con varias penalizacións, rematando tamén duodécimos. 

Luís Fernández, na súa esecialidade de C1, encarou as clasificatorias o venres 29, buscando unha das 30 prazas de semifinais, obxectivo que acadou sobradamente sen necesidade de acudir a re pesca. Nas semifinais do domingo fixo unha boa baixada, libre de penalizacións, pero non foi suficiente para ser un dos dez finalistas. Rematou o campionato nun impresionante décimo oitavo lugar. 

Manuel Ochoa, en K1, disputou as clasificatorias o xoves. No seu primeiro intento fixo unha baixada moi rápida, xa practicamente co praza asegurada, pero unha envorcadura na última porta deixárono fóra, non tivo mellor sorte no segundo intento, desta vez sen erros pero a un segundo de diferenza dos postos de semifinais, rematando a competición no cuadraxésimo terceiro posto. 

 Tamén participou Manuel na novísima modalidade de slálom extremo, que debutará como modalidade olímpica en París 2024. Na tarde do sábado máis de cen deportistas de todo o mundo se enfrontaron nunha contra reloxo, intentando acadar unha das 32 prazas para as series de extremo, Manuel conseguiu a súa de forma clara ao rematar co décimo terceiro mellor tempo. Ao día seguinte, os deportistas enfróntanse en series de catro na que se clasifican os dous primeiros. Manuel gañou a primeira das series, xa en cuartos de final, rematou terceiro, quedando fóra das semifinais. Rematou a competición nun destacable décimo segundo lugar. 

Non foi malo o balance final dos dous teixugos, nunha modalidade coma o slálom, no que un erro de décimas de segundo se paga caro. Por diante quedan o Campionato de España e dúas copas do mundo, na que novamente os dous teixugos loitarán por ascender postos no ranking mundial.





domingo, 24 de julio de 2022

4ª COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM, MONFORTE DE LEMOS: 24/07/2022

Este domingo nas augas do río Cabe, no concello de Monforte de Lemos, celebrouse a 4ª Copa Galega de Promoción de Slálom. Os deportistas galegos máis novos da modalidade, entre 6 e 14 anos, acudiron ao evento. Na proba os pequenos piragüistas percorren o circuíto dúas veces, contando o mellor dos dous tempos para a clasificación final. 
Nove pequenos deportistas acudiron representando ao Club Deportivo Miño-Teixugos. 
Rita Oliveira, en K1 muller benxamín, resultou cuarta. En k1 muller alevín, Nerea Álvarez foi cuarta e Leila Álvarez quinta. Roque Oliveira, en k1 home pre-benxamín rematou segundo , conseguindo a medalla de prata. Tiago Rey, en k1 home benxamín, obtivo a medalla de bronce, na mesma categoría, Martín Vicente, foi cuarto. En k1 home alevín, Alejandro Barreiro foi quinto e Leo Álvarez sexto. Pedro Lomba, en K1 infantil, rematou en sexta posición. 
 Na clasificación final por equipos, o club Deportivo Miño rematou terceiro, subindo ao podio xunto co Tea de Mondariz e o Quixós de Monforte.





domingo, 17 de julio de 2022

3ª COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM OLÍMPICO, SORT: 16 e 17/07/2022

Esta fin de semana celebrouse na localidade catalá de Sort a 3ª Copa de España de Slálom Olímpico. Cada Copa consta de dúas competicións independentes, unha o sábado e outra o domingo. 
O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu nesta ocasión con cinco deportistas, un equipo moi diminuído, con varias ausencias importantes. 


Emilio Rodríguez, en K1 veterano, o sábado conseguiu entrar na final, onde rematou segundo, conseguindo a única medalla do club nesta ocasión. O domingo tamén conseguiu pase a finais, acabando cuarto. 
Alba Soutelo, única representante feminina, participou en K1 e C1 júnior. En K1, tanto sábado como domingo finalizou en vixésimo posto. En C1 ou canoa, o sábado quedou fóra da final, rematando décimo sétima; o domingo entrou en finais rematando sétima. 
Sergio Rodríguez, en K1 júnior, sábado e domingo quedou fora de finais a causa dun toque nunha das portas en ámbolos dous días, concluíndo duodécimo o sábado e décimo terceiro no domingo. 
 Mateo Rivas, en K1 júnior, quedou lonxe de finais tanto sábado como domingo, rematando cuadraxésimo e trixésimo quinto respectivamente. 
Adrián Lluch, tamén en k1 júnior, acabou o sábado en cuadraxésima quinta posición e o domingo trixésimo terceiro.
 Aspiraba a mellores resultados o Deportivo Miño nesta terceira copa de España, pero o slálom é así, o río manda e non sempre o deportista consigue o que quere. Na clasificación final por equipos os Teixugos foron décimos o sábado e undécimos o domingo.





domingo, 10 de julio de 2022

3ª COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM, O ROSAL: 10/07/2022

Este domingo nas augas do río Tamuxe, no concello do Rosal, celebrouse a 3ª Copa Galega de Promoción de Slálom. Os máis pequenos do slálom galego fixeron unha demostración das súas habilidades neste evento. 
O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu con nove piragüistas que competiron, gozaron e fixeron amigos.
 Rita Oliveira resultou cuarta en K1 muller benxamín. En k1 muller alevín, Nerea Álvarez conseguiu o bronce e Leila Álvarez foi sexta. En k1 home pre-benxamín houbo podio dobre, Roque Oliveira foi segundo e Nico Piñeiro terceiro. En k1 home benxamín medalla de prata para Lois Montenegro, na mesma categoría, Tiago Rey foi cuarto e Martín Vicente sexto. En k1 home alevín Iván Cruz rematou oitavo. Catro medallas por tanto para os teixugos nesta 3ª Copa Galega.
Na clasificación final por equipos, o club gañador foi o Tea de Mondariz e o Deportivo Miño rematou cuarto.







lunes, 27 de junio de 2022

COPA DO MUNDO LJUBLJANA-TACEN: 24 a 26/06/2022

 

Do 24 ao 26 de xuño disputouse en Tacen, Eslovenia unha nova Copa do Mundo de Slálom, a que acudiron os  deportistas do Club Deportivo Miño-Teixugos, Luís Fernández e Manuel Ochoa, como parte do equipo nacional español.

Luís Fernández participou na modalidade de canoa ou C1, na que se rema de xeonllos e cunha pa dunha soa folla. Na tarde do venres, xunto con outros 53 deportistas de todo o mundo, disputou as fases clasificatorias, onde fixo unha baixada impresionante, rápida e sen fallos, conseguindo o pase a semifinais co décimo quinto lugar. No domingo, disputáronse as semifinais, onde nunha única baixada tes que acadar un dos mellores dez tempos para acceder as finais. Luís fixo unha baixada correcta pero algo lenta e con dous toques en portas, rematando lonxe das finais, en vixésimo quinto lugar.

Manuel Ochoa participou en K1, na que se rema sentado e cunha pa de dúas follas. A súa participación foi dobre, en slálom normal e en slálom extremo. Na mañá do venres disputáronse as clasificatorias de slálom, no primeiro intento fixo unha baixada moi rápida, pero dous toques nas portas deixárono fóra dos postos de semifinais, posto que acadou no segundo intento. Nas semifinais disputadas o sábado a súa baixada non foi mala, pero algo lenta, quedando lonxe de finais. Rematou trixésimo dun total de 65 participantes. Ese mesmo sábado de tarde, tivo lugar a contra reloxo de slálom extremo, para acadar un praza para clasificatorias, onde fixo unha mala baixada, cunha falta nunha das portas, quedando por primeira vez no que vai de tempada fóra.

Tanto Luís como Manuel terán agora unhas semanas sen competicións, que aproveitarán  para descansar e adestrar. A próxima cita será a 3ª Copa de España a celebrar en Sort o 16 e 17 de xullo.